INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

CONDE SALIENTA O IMPULSO DA XUNTA Á BIOMASA COMO FONTE DE ENERXÍA "AUTÓCTONA E SOSTIBLE" QUE PROMOVE O EMPREGO DE CALIDADE

18/04/2017

- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destaca que a Xunta apoiou en 2016 a instalación de 11 caldeiras na localidade porriñesa que permitirá ao Concello un aforro anual de 25.000 euros na súa factura eléctrica.

- Sinala que o DOG publica hoxe por valor de 4,5 millóns as axudas para a posta en marcha de redes de distric heating con apoios de ata un millón por proxecto.

- O prazo para presentar as solicitudes ábrese mañá e remata o 18 de maio.
 
- O Goberno galego está a activar este ano con 11,7 millóns diferentes liñas para impulsar o uso da biomasa en Galicia entre particulares, empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións.
 
- A Xunta ao remate de 2017 levará apoiado a través da Estratexia Integral de Impulso á Biomasa a instalación de 4.000 caldeiras o que evitará a emisión de 60.000 toneladas anuais de CO2.
 
O Porriño (Pontevedra), 18 de abril de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe no Porriño as caldeiras de biomasa instaladas no centro polideportivo municipal e a piscina a través dos apoios da Xunta para a substitución  das de gasóleo. Esta iniciativa, financiada pola Xunta nun 91%, permitirá ao Concello un aforro de preto de 20.000 euros ao ano e evitar a emisión de 142 toneladas de CO2
 
O titular de Economía salientou o impulso da Xunta á biomasa, unha fonte de enerxía que, segundo destacou, é limpa, autóctona, sostible e rendible tanto económica como ambientalmente, e favorece, sobre todo, o impulso da actividade económica no sector primario, fixando poboación e promovendo o emprego de calidade nas áreas rurais. 
 
Conde indicou que, en global, a través desta liña de axudas, o Goberno galego apoiou nesta localidade a instalación de 11 caldeiras de biomasa cun investimento de preto de 180.000 euros – incluídas as tres do pavillón municipal- grazas ao que a Administración local poderán amortizar o investimento realizado en menos de 10 meses e obterá na súa factura enerxética un aforro anual de 25.000 euros.  
 
A Xunta está a activar este ano por 11,7 millóns de euros catro novas convocatorias de axudas para impulsar o uso da biomasa en Galicia. Ao respecto, Conde detallou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha destas actuacións, dirixida á posta en marcha de proxectos singulares de redes de distribución (district heating). Trátase de que a través dunha mesma caldeira se poidan abastecer de enerxía diferentes instalacións ou edificios e mesmo fogares por medio desta rede de distribución. 
 
En total, a Administración autonómica destina 4,5 millóns de euros a estas axudas que poden alcanzar ata un millón por proxecto ou beneficiario. O prazo de solicitude ábrese mañá e rematará o próximo 18 de maio. Os apoios están destinados ás administracións autonómica e local e ás empresas. En 2016, a través desta iniciativa, impulsáronse 7 proxectos de district heating que mobilizan preto de 10 millóns de euros. 
 
As convocatorias para financiar equipamentos térmicos para particulares, a través do Plan de Vivenda, e para empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións están xa activas, rematando o prazo de solicitude o próximo 24 de abril. Ademais, a Xunta porá en marcha unhas axudas específicas para fomentar as enerxías renovables no eido agroalimentario. Estas catro liñas de axudas permitirán a instalación de máis de 1.000 caldeiras coas que se aforrarán tres millóns ao ano. Ata a data, a Xunta xa apoiou a posta en marcha de 3.000 caldeiras. 
 
A estas actuacións súmanse outros plans neste ámbito como son a rede de subministración instalada no complexo administrativo de San Caetano e a colocación de quipos nos hospitais públicos galegos e en diferentes sedes xudiciais. 
 
Todas estas medidas, segundo apuntou Conde, forman parte da Estratexia Integral de Impulso á Biomasa coa que a Xunta pretende aforrar 70 millóns de euros anuais na compra de combustibles fósiles, a creación de 1.000 novos postos de traballo ou triplicar o consumo de biomasa. Ao remate deste ano levarase apoiado a instalación de 4.000 caldeiras e evitarase a emisión de 60.000 toneladas anuais de CO2