INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS NOVAS AXUDAS PARA ENERXÍAS RENOVABLES PERMITIRÁN AFORRAR 160.000 EUROS AO ANO ÁS EMPRESAS DO SECTOR AGROALIMENTARIO

25/04/2017

  - O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou sobre esta liña pioneira de apoios, que ascenden a 600.000 euros e que mobilizarán 2 millóns en proxectos de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e minieólica.

- A iniciativa está destinada a empresas, con especial atención ás pemes, e autónomos do sector da produción agrícola primaria.
 
- A convocatoria, que se abre hoxe, resolverase por concorrencia competitiva entre os solicitantes que tramiten a súa petición no prazo dun mes, e contribuirá a reducir as emisións de CO2 en preto de 700 toneladas anuais, o equivalente á acción de 35.000 árbores.
 
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2017.- O director de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou hoxe de que a Xunta amplía a súa aposta polas enerxías renovables e o seu compromiso co medio ambiente cunha nova convocatoria de axudas para proxectos, pioneira en Galicia, destinada a empresas de produción agrícola primaria. A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 600.000 euros para instalacións de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e minieólica coas que prevé mobilizar 2 millóns de euros no sector e un aforro anual de 160.000 euros nas facturas enerxéticas das empresas que se acollan a esta liña de apoios.
 
Con esta nova orde, preténdese achegar o uso de fontes renovables de enerxía a un sector para o que non existía unha liña de axudas específicas impulsando, deste xeito, a industria agroalimentaria, un motor da economía galega.
 
Tal e como explicou o director xeral, os interesados poderán presentar as súas solicitudes no prazo dun mes desde hoxe tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), onte, 24 de abril. Poderanse beneficiar desta iniciativa empresas, con especial atención ás pemes, e autónomos, incluídos no sector de produción agrícola primaria. Na convocatoria, de concorrencia competitiva, teranse en conta diversos criterios de selección como a incidencia do custo da enerxía na competitividade da empresa ou a localización do proxecto, priorizando os concellos de Galicia con menos poboación.
 
As axudas primarán sobre todo ás pemes galegas que poderán alcanzar o 70% do custo elixible: ata 50.000 euros por proxecto e  100.000 euros por empresa. As actuacións inclúen o equipamento principal de xeración e os custos da montaxe e de posta en marcha.
 
Con esta convocatoria preténdense fomentar os investimentos en proxectos de enerxía renovables no sector agrícola primario facendo máis atractivos os períodos de retorno do investimento. Tamén se busca reducir os custos enerxéticos para mellorar a competitividade do sector; diminuir o consumo de enerxías convencionais -prevese con esta convocatoria un aforro anual de 255.000 litros de gasóleo- e propiciar unha mellora socioeconómica das áreas rurais coa creación dunha vintena de postos de traballo. Ademais, contribuirá á redución das emisións de CO2 en preto de 700 toneladas ao ano, o equivalente á acción de 35.000 árbores. 
 
Esta liña de apoios forma parte da Estratexia da Biomasa 2017 coa que a Xunta impulsa a instalación de máis de 1.000 caldeiras que permitirán un aforro de preto de 3 millóns de euros. A Xunta destina 11,7 millóns de euros nun total de catro convocatorias de axudas, o que permitirá mobilizar preto de 23 millóns.
 
As dúas primeiras -dirixidas tanto a particulares como empresas cun investimento de preto de 7 millóns de euros- xa se activaron o pasado mes de marzo e o prazo para presentar as solicitudes rematou onte, 24 de abril.
 
Ademais, desde a pasada semana e ata o 18 de maio, está aberto o prazo para impulsar proxectos singulares de redes de distribución de calor con biomasa (district heating), que o ano pasado se puxo en marcha por primeira vez. O programa, dotado con fondos Feder, conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros, e con axudas de ata un millón de euros por proxecto ou beneficiario. 
 
A estas tres ordes súmase, como novidade deste ano, esta convocatoria que hoxe se presentou e que prevé destinar case o 50% das axudas ás instalacións que utilicen biomasa.