INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

CONDE SUBLIÑA A IMPORTANCIA DA INFORMACIÓN AOS CONSUMIDORES PARA PROTEXER OS SEUS DEREITOS NO ÁMBITO DA ENERXÍA ELÉCTRICA

25/01/2017

 - O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salienta que coa campaña “Dálle luz á túa factura” se facilitou á cidadanía a comprensión do recibo eléctrico, ademais de facer fincapé na eficiencia enerxética.

 
- Resalta que a iniciativa, que chegou na súa segunda edición a 74 concellos galegos, explica como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.
 
- Incide en que ademais de achegar as claves para que poidan aforrar e exercitar os seus dereitos, a Xunta actúa con contundencia contra os abusos que afectan aos consumidores.
 
- Destaca que desde 2011 Consumo tramitou preto de 20.000 reclamacións relacionadas coa enerxía eléctrica, e que preto do 80% das mesmas foron xa resoltas de xeito favorable para os clientes.
 
Santiago, 25 de xaneiro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou esta tarde no Parlamento a importancia da información e a formación na protección efectiva dos consumidores no ámbito da enerxía eléctrica, incidindo en que ademais de achegar as claves para que poidan aforrar e exercitar os seus dereitos, a Xunta actúa con contundencia contra os abusos que lles afectan.
 
No eido da información, Conde destacou que a través da campaña Dálle luz á túa factura, que na súa segunda edición chegou a 74 concellos galegos, se facilitou á cidadanía a comprensión da factura eléctrica, informando de como reducir o gasto revisando tres aspectos fundamentais: elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, optando polo mercado libre ou o regulado; revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria. A través desta campaña, tamén se fixo fincapé no aforro e a eficiencia enerxética, ademais de achegar información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.
 
As charlas informativas estiveron apoiadas nunha nova aplicación web, á que accederon xa preto de 3.000 persoas e que se distribuíu aos concellos galegos. Esta ferramenta facilita a comprensión da factura, e permite aos usuarios introducir os seus datos de consumo para recibir recomendacións concretas. Ademais, editouse unha guía rápida cos principais aspectos a ter en conta, e achegouse información e asesoramento a través das redes sociais e dun teléfono gratuíto.
 
Tal e como explicou Conde, Dálle luz á túa factura, coordinada entre o Inega e o Instituto Galego de Consumo, intensifica as actuacións que se levan a cabo ao longo de todo o ano, prestando información e asesoramento a todas as persoas consumidoras, e impulsando o aforro, a través de iniciativas como o plan de vivenda eficiente.
 
O conselleiro salientou que a Xunta actúa con contundencia contra os abusos que afectan ao consumidor. Así, destacou que Consumo tramitou nos últimos anos preto de 20.000 reclamacións relacionadas coa enerxía eléctrica, das cales preto do 80% foron xa resoltas de xeito favorable para o consumidor.
 
Do mesmo xeito, lembrou que tanto desde o IGC como desde a área de Enerxía se abriron desde o 2009 preto de 2.400 expedientes sancionadores ás compañías eléctricas, por preto de 24 millóns de euros.