INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

CONDE SINALA A IMPORTANCIA DE QUE XUNTA, EMPRESAS E FOGARES TRABALLEN XUNTOS PARA IMPULSAR A EFICIENCIA ENERXÉTICA

06/03/2017

 - O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo na xornada organizada pola Xunta con motivo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética.

- Destacou as vantaxes do gas natural como mellor solución desde o eido técnico, ambiental e económico para o transporte marítimo e terrestre pesado e para mellorar a capacidade tecnolóxica da industria.
 
- Puxo en valor a capacidade de Galicia neste ámbito lembrando que os estaleiros privados contan cunha ampla experiencia na construción de gaseiros e que a Comunidade ten un estaleiro público de referencia mundial neste tipo de barcos.
 
- Salientou que o Goberno galego apoiou nos últimos 4 anos máis de 1.000 proxectos de eficiencia enerxética no eido da industria e dos servizos, o que supuxo ter acadado un aforro enerxético anual equivalente ao consumo de 40.000 vivendas.
 
- Conde resaltou que unha das prioridades da Administración autonómica é apoiar aos fogares galegos para que poidan reducir a súa factura eléctrica a través do Plan de Vivenda 2017, que cun orzamento de 8,7 millóns inclúe axudas para a renovación de fiestras, cubertas e fachadas e ascensores.
 
Vigo, 6 de marzo de 2017. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo nunha xornada con motivo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética, dedicado este ano á mobilidade baixa en emisións, que organizou a Xunta e na que sinalou a importancia de que Administración autonómica, empresas e fogares traballen xuntos para impulsar a eficiencia enerxética.
 
O titular de Economía puxo en valor as vantaxes do uso do gas natural como mellor solución desde o punto de vista técnico, ambiental e económico para o transporte marítimo e terrestre pesado e para mellorar a capacidade tecnolóxica da industria. Neste senso, salientou a capacidade de Galicia neste ámbito lembrando que a Comunidade conta cunha das 17 regasificadoras de toda Europa cunha posición xeográfica clave e cun estaleiros privados con ampla experiencia na construción de gaseiros e un estaleiro público de referencia mundial neste tipo de barcos. Así mesmo, indicou que a industria auxiliar do naval ten acreditada a súa ampla capacidade e destacou a posición xeoestratéxica de Galicia para atraer cara a Europa o gas americano.
 
Deste xeito, Conde avogou polo impulso de proxectos para o uso de GNL como combustible marítimo deixando claro que “o futuro do transporte naval pasa polo GNL como combustible”.
 
“Apostar polo gas natural é apostar pola eficiencia enerxética”, engadiu o conselleiro, quen afirmou que para a Xunta supón reducir os consumos, mellorar a competitividade das empresas galegas e protexer o medio natural.
 
Para impulsar tamén a mobilidade baixa en emisións, o titular de Economía apostou polo uso do vehículo eléctrico como solución para a mobilidade urbana e o transporte lixeiro. Neste ámbito, lembrou que a industria da automoción galega está a facer “grandes avances” que a Xunta apoia de forma decidida.
 
“O Goberno galego traballa para identificar medidas que impliquen unha menor dependencia dos combustibles fósiles e para converter a aposta das enerxías renovables nunha oportunidade para a eficiencia enerxética”, subliñou, ao tempo que afirmou que “a eficiencia enerxética ten que estar ao servizo da competitividade das nosas empresas e ao servizo dun aforro enerxético para os nosos cidadáns”.
 
O titular de Economía resaltou, doutro lado, que o Goberno galego nos últimos 4 anos apoiou máis de 1.000 proxectos de eficiencia enerxética no eido da industria e dos servizos, o que supuxo ter acadado un aforro enerxético anual equivalente ao consumo de 40.000 vivendas. Así mesmo, destacou que unha das prioridades da Xunta é apoiar aos fogares galegos para que poidan reducir a súa factura eléctrica. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten activado o Plan de Vivenda 2017 que cun orzamento de 8,7 millóns de euros inclúe axudas para a renovación de fiestras, cubertas e fachadas e ascensores.
 
Para a renovación de fiestras, a Xunta xa abriu a convocatoria cun orzamento de 1,5 millóns de euros que se esgotou no primeiro día. A previsión é axudar a financiar estas obras en máis de 1.700 vivendas. Ademais, hoxe mesmo abriuse a convocatoria de solicitudes para acceder aos apoios do Plan Renove de Ascensores, que conta cun orzamento de 700.000 euros para beneficiar a 1.200 fogares. Proximamente tamén se aprobarán sendas convocatorias para o acondicionamento de cubertas con tella, con lousa e para a rehabilitación de fachadas de granito.
 
No ámbito da biomasa resaltou as axudas por 2,2 millóns de euros para a instalación de caldeiras en domicilios particulares, unha iniciativa que permitiu en Galicia a substitución de 3.000 caldeiras nos últimos 3 anos e coa previsión de chegar ata as 4.000 coa nova convocatoria. As persoas interesadas que queiran solicitalas poderán facelo entre o 24 de marzo e o 23 de abril.