INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA LANZA UNHA NOVA LIÑA DE AXUDAS PARA IMPULSAR INSTALACIÓNS FOTOVOLTAICAS QUE FAVOREZAN O AFORRO ENERXÉTICO DAS FAMILIAS

04/05/2017

  - O titular do Goberno galego destaca a achega de 300.000 euros para incorporar paneis fotovoltaicos en comunidades de propietarios. Beneficiará preto de 360 familias.

 
- Indica que esta iniciativa enmárcase dentro do Plan de Vivenda 2017, que ten como obxectivo favorecer o aforro e a eficiencia enerxética nos fogares galegos a través de iniciativas como o Plan Renove de fiestras, o Plan Renove de ascensores, ou o Plan Renove de instalacións eléctricas.
 
- Destaca un investimento de 1,5 millóns para instalar máis de 3.000 metros cadrados de paneis no complexo administrativo de San Lázaro, cunha potencia de 500 kW, que atenderán o 12% do consumo.
 
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2017 - O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o lanzamento dunha nova liña de axudas para impulsar instalacións fotovoltaicas que favorezan o aforro enerxético de familias e empresas.
 
Na rolda de prensa do Consello, Feijóo destacou nun primeiro termo unha achega de 300.000 euros para incorporar paneis fotovoltaicos en comunidades de propietarios. Unha liña que cubrirá ata o 50% do investimento e que beneficiará preto de 360 familias.
 
Logo de precisar que os propietarios aforrarán uns 30.000 euros anuais no seu subministro eléctrico, Feijóo subliñou que esta iniciativa enmárcase dentro do Plan de Vivenda 2017, que ten como obxectivo favorecer o aforro e a eficiencia enerxética nos fogares galegos a través de iniciativas como o Plan Renove de fiestras, o Plan Renove de ascensores, o Plan Renove de instalacións eléctricas ou as axudas para instalar caldeiras de biomasa.
 
Por outra banda, o responsable do Executivo galego destacou ademais un investimento de 1,5 millóns de euros para instalar paneis fotovoltaicos no complexo administrativo de San Lázaro, onde están situadas as sedes do Igape, o Instituto Galego de Estatística, a área de Emprego, o Sergas, a Consellería de Medio Ambiente e a Dirección Xeral de Montes.
 
En total instalaranse máis de 3.000 metros cadrados de paneis que, cunha potencia de 500 kW, atenderán o 12% do consumo total do complexo, cun aforro de 55.000 euros ao ano.
 
Ademais destes paneis, Feijóo avanzou que tamén se levarán a cabo melloras como a incorporación de iluminación LED no exterior; instalación de cinco puntos de recarga de baterías para coches eléctricos; e a substitución da caldeira do edificio da Dirección xeral de Montes por unha de biomasa.