INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PROGRAMA DA XUNTA DE EFICIENCIA ENERXÉTICA NA INDUSTRIA E NO SECTOR HOTELEIRO PERMITIRÁ UN AFORRO ANUAL DE 8,4 MILLÓNS DE EUROS

26/05/2017

  - A Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende con esta liña de axudas mobilizar 50 millóns a través de 400 proxectos.

- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, explica que as empresas beneficiarias poderán obter ata un 50% de axuda para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e plans de aforro e eficiencia.

- O prazo de solicitude para os interesados permanecerá aberto ata o 6 de xullo.
 
- Nos últimos 4 anos concedéronse máis de 700 axudas para iniciativas de aforro e eficiencia enerxética no sector e investíronse 16 millóns de euros.
 
A Xunta continúa co seu compromiso co fomento do aforro e mellora da eficiencia enerxética coa nova convocatoria do programa dirixido á industria e ao sector hoteleiro no que se investirán 9,75 millóns de euros -cofinanciados con fondos europeos FEDER-Galicia para o período 2014-2020- co obxectivo de desenvolver 400 proxectos e mobilizar 50 millóns de euros no sector. Tal e como explicou hoxe o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, grazas á posta en marcha das medidas desta iniciativa, as empresas beneficiarias poderán aforrar 8,4 millóns de euros anuais nas súas facturas enerxéticas, o que contribuirá a que melloren a súa competitividade.
 
A convocatoria está dirixida tanto a empresas como a empresarios autónomos que desenvolvan a súa actividade no sector industrial e hoteleiro. Tamén se inclúe unha liña específica de axudas para empresas de servizos enerxéticos que xestionen instalacións consumidoras de enerxía incluídas nos sectores anteriores que presenten proxectos co obxectivo de reducir o seu consumo.
 
En concreto, o programa recolle a posibilidade de realizar auditorías enerxéticas; implantar sistemas de xestión enerxética certificados conforme á norma ISO 50.001; e instalar mecanismos de aproveitamento de enerxías renovables (fotovoltaica; eólica; solar térmica; aerotermia, xeotermia e hidrotermia; e biogás).
 
As empresas beneficiarias poderán acceder a axudas que cubrirán o 30% do importe das actuacións, unha porcentaxe que se incrementará ata o 40% no caso de pequenas e medianas empresas, e ata o 50% para a realización de auditorías enerxéticas nas empresas dos sectores industrial e hoteleiro. Ademais, por segundo ano consecutivo, a convocatoria ten carácter interanual o que permite que os beneficiarios conten con máis tempo para poder executar os seus proxectos.
 
Os interesados en acceder a esta liña de apoios xa poden presentar as súas solicitudes ata o 6 de xullo deste ano, tras a súa publicación no DOG o pasado día 24. A convocatoria, de concorrencia competitiva, terá en conta criterios como a porcentaxe de aforro enerxético acadado en relación á situación inicial; a redución de emisións de CO2 adicionais ás derivadas do aforro enerxético; a implantación de sistemas de medida que permitan verificar o aforro enerxético finalmente acadado; e priorizaranse aqueles proxectos que acaden un maior aforro real por cada euro investido.
 
Con esta iniciativa, o Goberno galego pretende mellorar a competitividade do tecido industrial e empresarial grazas á redución dos custes da enerxía, así como crear emprego, xa que está previsto que se xeren 400 postos de traballo. Ademais, as actuacións implantadas polas empresas coas axudas da administración permitirán unha redución de CO2 equivalente a plantar 1,4 millóns de árbores e un aforro de enerxía de 108.000 MWh/ano. Ao abeiro desta liña de apoios, nos últimos 4 anos a Xunta concedeu máis de 700 axudas por unha suma total de 16 millóns de euros, o que permitiu mobilizar 45 millóns de euros nestes sectores.
 
Esta convocatoria contribúe ao impulso da competitividade na industria e o sector servizos, reducindo os custos enerxéticos e adquirindo equipos máis eficientes que introducen melloras a nivel tecnolóxico, dentro da liña fixada na Axenda Galicia-Industria 4.0. Ademais é un novo paso na aposta da Xunta por fomentar o aforro e a eficiencia enerxética en todos os ámbitos e súmase a programas como o Plan de Vivenda, a Estratexia Integral da Biomasa 2014-2020 ou o proxecto para realizar o primerio ecobarrio galego na cidade de Ourense.