INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA DESTACA A IMPORTANCIA DO GAS NATURAL PARA O DESENVOLVEMENTO DO MIX ENERXÉTICO

21/06/2018

  - O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernarco Tahoces, asistiu esta tarde en Ferrol á xornada técnica "GNL: Combustible alternativo para o transporte marítimo".

- Lembrou o compromiso do Goberno galego co impulso ao gas natural, recollido nas Directrices Enerxéticas 2018-2020, tanto no transporte marítimo como terrestre, ao tempo que sinalou a oportunidade que suporá o HUB de GNL de Ferrolterra.

Ferrol, 21 de xuño de 2018.- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, participou esta tarde en Ferrol na xornada técnica GNL: Combustible alternativo para o transporte marítimo, onde destacou a importancia do gas natural no mix enerxético e no desenvolvemento da economía verde. Ademais, ratificou a aposta do Goberno galego por aproveitar as súas posibilidades co apoio á posta en marcha do HUB de GNL marítimo na comarca Ferrolterra.
 
Na súa intervención, o director xeral explicou que un mix enerxético limpo, económico e equilibrado é parte da solución para conseguir unha mellora medioambiental e unha redución das emisións contaminantes. Neste sentido, incidiu no papel clave do gas natural para conseguir unha economía baixa en carbono.
 
Por este motivo, segundo o director xeral, o gas natural é un combustible idóneo tanto para o transporte marítimo como para o transporte pesado de mercadorías. Impulsar o seu uso en ambos os dous tipos de transporte está recollido nas Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020, a ferramenta de planificación da Xunta que prevé a mobilización de máis de 3000 millóns de euros no sector enerxético. Esta folla de ruta pretende optimizar o potencial enerxético galego, aumentando a produción a partir de fontes renovables, incidindo na eficiencia enerxética e apostando pola redución de emisións, pero tamén favorecendo a introdución do gas natural como combustible no transporte pesado terrestre e marítimo.
 
Así, a Xunta colabora no proxecto para o deseño e construción das infraestruturas necesarias para o HUB de GNL de Ferrolterra e tamén fomenta a mobilidade sustentable con combustibles alternativos, introducindo o gas natural no transporte terrestre.
 
Tahoces finalizou agradecendo a organización desta xornada e lembrando a oportunidade que España ten para posicionarse neste sector xa que dispón do 42% da capacidade europea de almacenamento de GNL e un dos niveis máis altos de seguridade na subministración.