INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

CONDE DESTACA QUE COAS DIRECTRICES ENERXÉTICAS GALICIA PASOU DAS PALABRAS AOS FEITOS NA SÚA APOSTA POR UNHA ECONOMÍA VERDE

24/04/2018

 - O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, compareceu no  Parlamento para explicar as Directrices Enerxéticas 2018-2020, a planificación da Xunta para abordar o cambio do modelo enerxético.

 - Suporá un investimento de máis de 3000M€ nos vindeiros tres anos, o triplo que o destinado a este sector desde 2009, e permitirá crear 12.000 empregos.
 
- O desenvolvemento das enerxías renovables terá un especial protagonismo coa instalación de 1.200 MW e levarase a cultura da eficiencia enerxética a familias e empresas.
 
- Avanza a posta en funcionamento de dous novos parques eólicos en Muxía no verán e incide en que Galicia contará coa primeira rede de xeotermia de Europa no Ecobarrio de Ourense.
 
- A Xunta pretende mellorar a calidade de vida dos cidadáns, crear oportunidades para as empresas do sector enerxético e desenvolver unha economía máis competitiva.
 
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe, na súa comparecencia no Parlamento para presentar as Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020, que con esta planificación Galicia pasa das palabras aos feitos na súa aposta por unha economía verde.
 
Tal e como indicou, as Directrices son o guieiro para impulsar na Comunidade a transición intelixente cara a un modelo enerxético sustentable ao promover un investimento público-privado neste sector, que representa o 4,3% do PIB galego, de máis de 3.000 millóns de euros no vindeiro trienio -o triplo que o destinado desde 2009- coa previsión de crear máis de 12.000 empregos.
 
Segundo o conselleiro, permitirán dar a Galicia un salto cualitativo para mellorar a calidade de vida dos galegos, abaratando os custos enerxéticos e aumentando a calidade da subministración,  e acadar un crecemento económico sustentable, apostando pola eficiencia enerxéticas e as enerxías renovables de carácter autóctono.
 
Neste sentido, está programado un investimento en enerxías renovables de 1.300 millóns de euros para a instalación de máis de 1.200 MW. Conde referiuse ao desenvolvemento da enerxía eólica e, en concreto, á importancia da nova figura que recolle a Lei de implantación empresarial, os proxectos de especial interese, que permitirán axilizar a tramitación de, polo de agora, 21 novos parques cun investimento de 543 millóns de euros e unha potencia de 500 MW. Tamén avanzou que este verán entrarán en funcionamento dúas novas instalacións en Muxía.
 
Por outra banda, as Directrices tamén inciden na diminución do consumo e na sensibilización sobre a eficiencia enerxética con dúas metas claras: aforrar 150 millóns de euros ao ano e unha redución nos consumos do 4%. Conde asegurou que o obxectivo é conseguir que a cultura da eficiencia enerxética estea no día a día das empresas e familias. Un dos proxectos destacados neste eido será a iniciativa pioneira do primeiro Ecobarrio galego en Ourense, que contará coa primeira rede de xeotermia de Europa, de máis de 5 quilómetros, cunha rede de district heating que conta cun orzamento de 8,3 millóns de euros.
 
Conde tamén se referiu a medidas a prol da mobilidade sustentable, a mellora da subministración e o impulso a proxectos de innovación. Todo este conxunto de iniciativas permitirán crear oportunidades para as empresas do sector enerxético e desenvolver unha economía máis competitiva.