INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

GALICIA AFORRARÁ ATA 2022 45 MILLONS DE EUROS COA CENTRALIZACION DA XESTION DOS CONTRATOS DE ENERXIA

15/02/2018

 - Feijóo resalta que os contratos xa completados de electricidade e de gas natural permitiron acadar ata agora un aforro de 23 millóns de euros.

 
- Indica que o próximo mes de marzo entrará en vigor o novo contrato de gas natural, con 126 centros adheridos e que sumará 1,86 millóns de euros de aforro máis.
 
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2018
 
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Administración autonómica prevé en 2022 un aforro estimado en 45 millóns de euros na factura enerxética dos centros públicos adheridos á Rede de Enerxía da Xunta de Galicia (Redexga), a través do desenvolvemento das contratacións centralizadas que se están a levar desde o ano 2013.
 
"Centralizamos a contratación da electricidade, a contratación do gas natural, a contratación do gasóleo C e o consumo enerxético de Sogama. E, onde antes había contratacións completamente difuminadas, agora hai contratacións unificadas para os 2.077 centros que están adheridos á Redexga", aseverou, incidindo en que este novo xeito de xestionar os contratos de enerxía superaron as expectativas.
 
Nesta liña, precisou que o próximo mes de marzo entrará en vigor o novo contrato de gas natural, con 126 centros adheridos e que permitirá sumar 1,86 millóns de euros de aforro máis, que se engaden aos 7 millóns xa aforrados entre 2015 e 2017.
 
Logo de subliñar que os contratos xa completados de electricidade e de gas natural permitiron acadar ata agora un aforro de 23 millóns de euros, o responsable do Goberno galego explicou que a esta cantidade hai que engadir outros 22 millóns máis correspondentes ao aforro estimado para o ano 2022 a través de tres contratos que xa están en marcha: o novo contrato de electricidade, vixente desde finais do ano pasado; o de gasóleo C, desde 2016; o específico para Sogama, desde 2017; e o novo contrato de gas natural, que entrará en vigor a principios do próximo mes de marzo.
 
"Isto significa que desde 2013 e ata 2022 a Administración autonómica logrará aforrar en enerxía 45 millóns, unha cantidade equivalente a ampliar o hospital público da Mariña tres veces", abundou.
 
Feijóo concluíu aseverando que o Goberno galego seguirá apostando pola racionalización enerxética, coa previsión de que formen parte da Redexga as Universidades de Santiago e Vigo.