INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

XUNTA E CEAGA ELABORARÁN UN DOCUMENTO CON MEDIDAS PARA ACADAR UNHA MAIOR EFICIENCIA ENERXÉTICA NO SECTOR DA AUTOMOCIÓN

03/05/2018

 - Rueda indica que é prioritario nun ámbito como o da automoción que ten tanta relevancia para Galicia, a súa facturación creceu case un 4,5% o ano pasado, xerou preto de 1000 novos empregos e mesmo bateu o seu récord exportador cun crecemento de preto do 22%.

 
- Di que este documento recompilará información tanto desde o punto de vista cualitativo como cuantitativo.
 
- Incide en que o dito estudo tamén abordará os aspectos lexislativos, as boas prácticas noutras rexións e países ou a utilización de novas tecnoloxías no consumo enerxético.
 
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2018 - O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Enerxía (Inega) e o Clúster da Automoción colaborarán na avaliación da actual situación enerxética do sector co propósito de acadar unha maior eficiencia enerxética a través do uso de enerxías renovables.
 
Máis polo miúdo, Rueda explicou que aínda que este é un obxectivo común para todos os sectores da nosa economía, é prioritario nun ámbito como o da automoción que ten tanta relevancia para Galicia. "A súa facturación creceu case un 4,5% o ano pasado, xerou preto de 1000 novos empregos e mesmo bateu o seu récord exportador cun crecemento de preto do 22%", abundou.
 
Segundo destacou Rueda, a través deste estudo poderase avaliar a actual situación das empresas da automoción e as actuacións que no curto, medio e longo prazo se están a desenvolver para reducir o seu consumo enerxético e facelas máis sustentables. A ese respecto, sinalou que o documento que se elabore recompilará información tanto desde o punto de vista cualitativo como cuantitativo: o número de industrias, os combustibles que utilizan, a potencia, as necesidades térmicas, ao tempo que se analizarán os equipos e experiencias que se desenvolven nese ámbito.
 
O dito documento abordará tamén os aspectos lexislativos, as boas prácticas noutras rexións e países, o uso actual das fontes de enerxía, así como unha proposta de mellora na súa utilización e consumo ou a utilización de novas tecnoloxías no para reducir a demanda enerxética. Tamén, a identificación de proxectos demostrativos que se poidan levar a cabo nun futuro nas empresas co apoio da Administración e que permitan analizar a viabilidade técnica e económica das novas tecnoloxías.