INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA COMEZARÁ DE INMEDIATO OS TRABALLOS PARA MELLORAR A EFICIENCIA ENERXÉTICA DO COMPLEXO ADMINISTRATIVO DE SAN CAETANO

14/05/2018

 - O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentaron hoxe este proxecto, no que se investirán uns 6,5 millóns de euros.

- As obras terán un prazo de execución previsto de 10 meses e actuarán sobre fiestras, cubertas, fachadas e iluminación.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2018 - O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentaron hoxe o proxecto de obras para a mellora da eficiencia enerxética do complexo administrativo de San Caetano, cuxos traballos comezarán de inmediato.
 
As obras, nas que se investirán uns 6,5 millóns de euros e que se prolongarán previsiblemente por 10 meses, afectarán a un total de cinco edificios: os laterais esquerdo e dereito, o central, o posterior dereito e o Palacete. Todas as actuacións que se acometerán acordáronse tras realizar unha auditoría enerxética no complexo para determinar cales eran as medidas máis axeitadas.
 
En concreto, procederase á substitución de 1.125 fiestras; actuarase sobre as cubertas, substituíndo as tellas para mellorar a impermeabilización e o illamento; restaurarase e mellorarase a envolvente con limpeza de cantería, tratamento de cornixas e a implantación dun sistema de illamento térmico polo exterior; así como tamén se substituirá a iluminación por tecnoloxía led, o que suporá máis 3.744 luminarias novas, 314 novas lámpadas, e 657 sensores para o control de acendido. Ademais, tamén se mellorará a climatización na baixo cuberta do edificio central coa instalación de dúas bombas de calor para a climatización e dun novo sistema de renovación de aire.
 
Grazas a estas actuacións, conseguiranse uns aforros enerxéticos de ao redor de 1,5 millóns de kilowatios hora cada ano, o que se traduce nun aforro algo superior aos 96.000 euros e evitará anualmente a emisión de 515 toneladas de dióxido de carbono.
 
Con esta segunda fase das obras, continúase na senda de mellora de eficiencia enerxética deste complexo, que comezou en decembro de 2016 coa posta en servizo dunha caldeira de biomasa para satisfacer as necesidades de calefacción. A través da utilización deste combustible, autóctono e respectuoso co medio ambiente, é posible obter aforros aproximados de 70.000 euros anuais.
 
Ademais destas melloras, cómpre recordar que a Xunta xa ten adxudicado o contrato para redactar o proxecto da Cidade de San Caetano, que suporá a ampliación do complexo ocupando os terreos da actual estación de autobuses, que quedará en desuso cando entre en funcionamento a intermodal.