INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

OS ORZAMENTOS DO INEGA MEDRAN UN 27% PARA CONTRIBUÍR A AVANZAR CARA UN MODELO ENERXÉTICO MÁIS SUSTENTABLE

05/11/2018

  - O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, sinala que os presupostos do Instituto Enerxético de Galicia, que alcanzan preto de 23 millóns, contribuirán á competitividade das empresas e a mellora do benestar dos fogares.

- Destaca que se destinarán 4 millóns ao fomento do autoconsumo, con liñas de axudas dirixidas tanto ao ámbito doméstico como empresarial, as administracións e as entidades sociais.

- Subliña que o proxecto do EcoBarrio da Ponte, en Ourense, que conta con preto de 2,5 millóns de euros nos orzamentos deste departamentos, está chamado a converterse nun exemplo de transformación urbana sustentable.
 
- Promóvese a implantación de dúas estacións de recarga de GNL para consolidar este combustible no transporte terrestre de mercadorías.
 
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2018.- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, salientou hoxe no Parlamento que as contas do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para o vindeiro ano medran un 27%, ata os preto de 23 millóns de euros, para contribuír a avanzar cara un novo modelo enerxético. Do mesmo xeito, Ángel Bernardo Tahoces subliñou que estes presupostos van permitir xerar cadea de valor nas empresas industriais e de servizos, nas explotacións agrarias e gandeiras, e contribuír máis positivamente á sustentabilidade ambiental, así como á mellora do benestar dos fogares e á competitividade das empresas.
 
Na súa intervención, Ángel Bernardo Tahoces fixo fincapé en que o Inega é un axente central nas Directrices Enerxéticas de Galicia, que inciden no impulso das enerxías renovables coa meta de instalar máis de 1.200 MW. Así, o Inega traballa de xeito simultáneo con catro ferramentas, segundo apuntou o director xeral: a información, divulgación e sensibilización; a formación; o asesoramento técnico ás empresas e Administracións públicas; e os programas de axuda para o desenvolvemento de proxectos.
 
Neste último ámbito, o director xeral sinalou que unha novidade será a creación de liñas de axudas específicas para o fomento do autoconsumo, ás que se destinan un total de 4 millóns de euros, e que se dirixen tanto ao ámbito doméstico como empresarial, das administracións e das entidades sociais, e con especial atención ao sector agrícola primario. 
 
No tocante ás enerxías renovables para usos térmicos, prevese tamén habilitar dúas convocatorias: unha para familias e comunidades de propietarios e outra centrada no ámbito da empresa, a Administración local e as entidades sen fin de lucro. Ademais, os fogares das zonas con menos densidade de poboación tamén poderán optar a axudas para a instalación de caldeiras de biomasa. Tamén se poñerá en marcha outra liña de apoios para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética na industria e o sector servizos. 
 
O director xeral de Enerxía e Minas salientou tamén actuacións singulares que se van desenvolver, entre os que destacou o EcoBarrio da Ponte, en Ourense, dotado con 2,5 millóns de euros nos orzamentos do Inega para o 2019. Ángel Bernardo Tahoces referiuse a esta iniciativa como un proxecto pioneiro chamado a converterse nun exemplo de transformación urbana sustentable.
 
Tamén destacou que se van poñer en marcha en Galicia dúas estacións de recarga de GNL multicomercializadora, con 1,1 millóns de euros, para consolidar este combustible no transporte terrestre de mercadorías. Segundo apuntou o director xeral, estas instalacións serán pioneiras en Europa porque os usuarios van poder usar a comercializadora coa que teñan contratada a subministración.
 
Ademais, entre outras actuacións, tamén se van destinar 1,8 millóns de euros ao fomento da biomasa en edificios do sector público autonómico, para que a Administración continúe a dar exemplo e siga desenvolvendo iniciativas como as que xa se levaron a cabo e que están a permitir un aforro anual de dous millóns de euros.