INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA INFORMA MAÑÁ EN SANTIAGO A TÉCNICOS DOS SERVIZOS SOCIAIS E DE OENEGUÉS SOBRE A TRAMITACIÓN DAS AXUDAS AUTONÓMICAS DO BONO SOCIAL ELÉCTRICO

08/11/2018

  - O local de Cáritas Diocesana acollerá a partir das 11 horas deste venres unha das xornadas previstas nas sete principais cidades para formar aos técnicos que traballan de xeito directo cos consumidores máis vulnerables.

- Tamén se están a distribuír 50.000 folletos para achegar as claves destes apoios á cidadanía, ademais de poñer á súa disposición o teléfono gratuíto 900 231 123.
 
- Máis de 500 fogares benefícianse xa das axudas autonómicas complementarias ao bono social, que permiten aos consumidores vulnerables severos asumir o pagamento do 100% da factura e garanten así mesmo que non van sufrir ningún corte no servizo.
 
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2018.- A Xunta impulsa mañá venres en Santiago de Compostela, a partir das 11 horas no local de Cáritas Diocesana de Santiago (rúa Carreira do Conde, 14) unha das xornadas incluídas na campaña informativa para facilitar aos consumidores máis vulnerables a tramitación do bono social eléctrico e da axuda complementaria impulsada pola Administración autonómica, que permite asumir o pagamento do 100% da factura, e que garante así mesmo que non van sufrir ningún corte no servizo.
 
Esta iniciativa inclúe, dunha banda, encontros nas sete principais cidades galegas para formar e asesorar aos técnicos dos servizos sociais municipais e das asociacións de consumidores, ademais de ao persoal de Cáritas e Cruz Vermella, que colaboran coa Xunta neste eido. Ademais, estanse a distribuír nas oficinas dos servizos centrais e das delegacións da Xunta, nos concellos e nas dependencias de Cáritas e Cruz Vermella e nas distintas asociacións de consumidores e usuarios unha primeira tirada de 50.000 folletos para achegar á cidadanía as claves destes apoios, unha información tamén dispoñible na web do Inega e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC). Este último conta co teléfono gratuíto 900 231 123 para atender as consultas dos consumidores.
 
O bono social do Estado supón unha bonificación de entre o 25% e o 40% no recibo de luz. Galicia foi a primeira comunidade en ofrecer axudas complementarias, e así, a Xunta cobre o 50% do pagamento da factura eléctrica dos consumidores vulnerables severos e garante ao mesmo tempo que non van sufrir ningún corte no servizo. Este complemento permite que os beneficiarios poidan asumir o pagamento do 100% da factura, xa que outro 10% asúmeo o propio sistema eléctrico. 
 
O apoio autonómico, cuxo prazo de presentación permanece aberto durante todo o ano e do cal xa se benefician 500 familias, regúlase a través dunha orde de axudas cunha contía máxima de 250 euros ao ano, ou de 400 euros no caso das familias numerosas, e compleméntase co protocolo de colaboración asinado coas principais comercializadoras para evitar o corte de subministración entre los consumidores más sensibles.