INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA LEVA Á CORUÑA A CAMPAÑA INFORMATIVA COA QUE SE FACILITA A TRAMITACIÓN DAS AXUDAS AUTONÓMICAS DO BONO SOCIAL ELÉCTRICO

16/11/2018

 - A xerente do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Zeltia Lado, participou hoxe nunha das xornadas desenvoltas nas sete principais cidades para formar aos técnicos que traballan de xeito directo cos consumidores máis vulnerables.

 
- Tamén se están a distribuír 50.000 folletos para achegar as claves destes apoios á cidadanía, ademais de poñer á súa disposición o teléfono gratuíto 900 231 123.
 
- As axudas autonómicas complementarias ao bono social permiten aos consumidores vulnerables severos asumir o pagamento do 100% da factura e garanten así mesmo que non van sufrir ningún corte no servizo.
 
A Coruña, 16 de novembro de 2018 - A xerente do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Zeltia Lado, participou hoxe na Coruña, no Centro de Formación Violetas de Cáritas Interparroquial, nunha das xornadas incluídas na campaña informativa impulsada pola Xunta para facilitar aos consumidores máis vulnerables a tramitación do bono social eléctrico e da axuda complementaria impulsada pola Administración autonómica, que permite asumir o pagamento do 100% da factura, e que garante así mesmo que non van sufrir ningún corte no servizo.
 
Esta iniciativa inclúe, dunha banda, encontros nas sete principais cidades galegas para formar e asesorar aos técnicos dos servizos sociais municipais e das asociacións de consumidores, ademais de ao persoal de Cáritas e Cruz Vermella, que colaboran coa Xunta neste eido. Ademais, estanse a distribuír nas oficinas dos servizos centrais e das delegacións da Xunta, nos concellos e nas dependencias de Cáritas e Cruz Vermella e nas distintas asociacións de consumidores e usuarios unha primeira tirada de 50.000 folletos para achegar á cidadanía as claves destes apoios, unha información tamén dispoñible na web do Inega e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC). Este último conta co teléfono gratuíto 900 231 123 para atender as consultas dos consumidores.
 
O bono social do Estado supón unha bonificación de entre o 25% e o 40% no recibo da luz. Galicia foi a primeira comunidade en ofrecer axudas complementarias, e así, a Xunta cobre o 50% do pagamento da factura eléctrica dos consumidores vulnerables severos e garante ao mesmo tempo que non van sufrir ningún corte no servizo. Este complemento permite que os beneficiarios poidan asumir o pagamento do 100% da factura, xa que outro 10% asúmeo o propio sistema eléctrico.
 
O apoio autonómico, cuxo prazo de presentación permanece aberto durante todo o ano, regúlase a través dunha orde de axudas cunha contía máxima de 250 euros ao ano, ou de 400 euros no caso das familias numerosas, e compleméntase co protocolo de colaboración asinado coas principais comercializadoras para evitar o corte de subministración entre los consumidores más sensibles.