INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

UN CENTENAR DE CONCESIONARIOS SÚMANSE AO PLAN DA XUNTA PARA IMPULSAR A ACTUALIZACIÓN DO PARQUE MÓBIL E A MELLORA AMBIENTAL

16/07/2019

- A través destas entidades colaboradoras os particulares, empresas e autónomos poderán solicitar as axudas desde o 24 de xullo a partir das 9 da mañá.
- Este plan busca a renovación de vehículos con máis de 10 anos de antigüidade e coa ITV en vigor, ademais de cunha titularidade de  polo menos un ano de vixencia.
- As axudas van dos 1.000 aos 1.500 euros, dependendo do volume de emisión.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2019.- Preto dun cento de concesionarios galegos participarán no programa de axudas da Xunta para a renovación de vehículos, tras rematar onte o prazo límite para a adhesión de novos establecementos. Os particulares, empresas e autónomos poderán solicitar as axudas a través destas 99 entidades colaboradoras desde o vindeiro 24 de xullo e ata o día 15 de outubro.

Os apoios, que se concederán en concorrencia non competitiva, é dicir, establecendo prioridade para os que primeiro presenten a súa petición, irán dos 1.000 euros (500 a Xunta, 500 os concesionarios) aos 1.500 (repartido equitativamente entre administración e postos de venta), cun requisito principal: ter un coche de máis dunha década de antigüidade, coa ITV en vigo, e ostentar polo menos un ano de titularidade do vehículo.

As condicións do novo vehículo adquirido son que conte cun prezo inferior aos 40.000 euros (excluíndo modelos de luxo e alta gama), e cun límite de emisións no caso de turismos de ata 120 gramos CO2/quilómetro. Para as furgonetas, as emisións non poderán superar os 137 gramos CO2/quilómetro.

Este plan busca contribuír á incorporación de modelos máis eficaces e comprometidos co medio ambiente, ofrecendo unha gama que inclúa ós últimos deseños en innovación e seguridade e que permita, especialmente, renovar o parque móbil galego. Este plan concíbese como un dinamitante do sector, cun apoio explícito á industria galega da automoción ante as incipientes dúbidas que o sector da enerxía pode xerar entre os consumidores.

A finalidade deste programa de axudas, consensuado co sector, é favorecer e facilitar a renovación dos vehículos en Galicia trasladándolle aos consumidores a confianza necesaria e apoiar ao sector da automoción, que xera na Comunidade galega máis de 20.000 postos de traballo.

Deste xeito, a Xunta destina a este plan 1,1 millóns de euros, dos cales 800.000 van dirixidos a particulares, e os 300.000 restantes a empresas e autónomos. Segundo os cálculos proxectados, estímase que 2000 turismos e furgonetas serán renovados ao acollerse a este programa, mobilizando 40 millóns de euros.

Ademais, o impacto laboral incluirá a creación de 320 empregos directos, e servirá para rebaixar 1600 toneladas as emisións de CO2 ao ano, o equivalente á acción de 80.000 árbores. O aforro total estimado para os usuarios será aproximadamente de 727.000 euros anuais. 

Plan Moves
Este programa resulta complementario co actual Plan Moves promovido pola Xunta, que procura a adquisición de vehículos con tecnoloxías eléctricas ou híbridas, e que conta cuns orzamentos de 2,6 millóns de euros, proxectados para impulsar a compra de 500 vehículos eléctricos ou alternativos (con gas natural ou gas licuado de petróleo). Mobilizaranse así 11 millóns de euros na Comunidade, contribuíndo á creación ou mantemento de arredor de 90 empregos. O prazo de solicitude destas axudas continúa aberto.