INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

PARTICULARES, EMPRESAS E AUTÓNOMOS PODERÁN INSCRIBIRSE DESDE MAÑÁ NO PROGRAMA DE AXUDAS DA XUNTA PARA A RENOVACIÓN DE VEHÍCULOS

23/07/2019

- Preto dun cento de concesionarios xa participan nesta iniciativa, pensada para incorporar modelos máis eficaces e comprometidos co medio ambiente.
- As axudas van dos 1.000 aos 1.500 euros, dependendo do volume de emisións do propio vehículo, e concederanse por orde de chegada da solicitude.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2019.- Particulares, empresas e autónomos poderán inscribirse desde mañá, mércores 24 de xullo, no programa de axudas da Xunta para a renovación de vehículos, que poderán solicitar a través das preto de cen entidades colaboradoras que xa forman parten deste plan.

A cifra dos apoios variarán dependendo do volume de emisións do vehículo: dende os 1.000 euros, con 500 euros repartidos equitativamente entre Xunta e concesionarios, aos 1.500 (750 a Administración e 750 os postos de venta). O requisito principal para participar neste programa será posuír un coche con máis dunha década de antigüidade, coa ITV en vigor, e contar cun mínimo dun ano de titularidade do vehículo. As axudas concederanse en concorrencia non competitiva, é dicir, establecendo prioridade para os que primeiro presenten a súa petición.

O novo vehículo adquirido deberá respectar unha serie de condicións, incluíndo contar cun prezo inferior aos 40.000 euros, e emitir un máximo de 120 gramos CO2/quilómetro no caso de turismos, e 137 gramos CO2/quilómetro para as furgonetas.

Con esta iniciativa, o Goberno galego busca renovar o parque automobilístico galego para ofrecer vehículos máis efectivos e respectuosos co medio ambiente, que ofrezan seguridade e que conten cos últimos deseños en innovación. Deste xeito, o plan concíbese como un estímulo para a industria galega da automoción, na procura de aumentar o número de vendas do sector, consensuando con este un programa de axudas que trasladen a confianza necesaria aos consumidores.

O plan contará cuns orzamentos de 1,1 millóns de euros aportados pola Xunta, con 800.000 centrados nas axudas a particulares, e os 300.000 restantes en empresas e autónomos. As estimacións proxectadas cifran en 2.000 os turismos e furgonetas renovados acolléndose a este plan, mobilizando 40 millóns de euros.

O impacto laboral sitúa en 320 a creación de empregos directos, cunha repercusión medioambiental que servirá para rebaixar ata 1.600 toneladas de emisións de CO2. O aforro estimado para os usuarios será de 727.000 euros anuais. 

Plan Moves

Este plan de renovación compleméntase co Plan Moves da Xunta, pensado para incrementar a adquisición de vehículos con tecnoloxía eléctricas ou híbridas. O Plan Moves conta con preto de 2,6 millóns de euros para a súa execución, proxectando a compra de 500 vehículos eléctricos ou alternativos (con gas natural ou gas licuado de petróleo). Segundo as estimacións da Administración, este Plan mobilizará 11 millóns de euros na Comunidade, creando ou mantendo arredor de 90 empregos. O prazo de solicitude destas axudas tamén permanece aberto.