INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA AVALÍA COS PRINCIPAIS CONCESIONARIOS GALEGOS O NOVO PLAN MOVES PARA IMPULSAR AS VENDAS DE VEHÍCULOS ALTERNATIVOS

23/04/2019

- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes do sector no que se abordou esta iniciativa coa que se mobilizarán 11 millóns de euros na Comunidade.
- Na reunión abordáronse diferentes medidas para impulsar o dinamismo do mercado galego da automoción.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro con representantes dos principais concesionarios galegos no que se abordou a situación do mercado da automoción en Galicia, analizando diferentes medidas para impulsar o seu dinamismo. Así, na reunión, entre outros asuntos, avaliouse o novo Plan Moves activado pola Xunta para impulsar as vendas de vehículos alternativos, co que se prevé mobilizar 11 millóns de euros na Comunidade.

Trátase dunha iniciativa enmarcada no Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable, que conta en Galicia cun orzamento de máis de 2,6 millóns de euros cos que se prevé impulsar a compra de 500 vehículos eléctricos ou alternativos (gas natural ou gas licuado de petróleo). Do programa que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia, poden beneficiarse persoas físicas, autónomos, comunidades de propietarios, persoas xurídicas e o sector público, dependendo do tipo de axuda. O prazo de presentación de solicitudes, en concorrencia non competitiva, comezará o día 17 de xuño.

As axudas para a adquisición de turismos e furgonetas poden chegar a 6.000 euros, que se incrementan en 750 euros no caso de persoas con mobilidade reducida e en 500 no caso de familias numerosas con vehículos de máis de 5 prazas. Ademais, os fabricantes achegan 1.000 euros. No caso de motos eléctricas, o importe do apoio é de 750 euros, e no que respecta a camións e autobuses con propulsión alternativa chega a 15.000 euros. Tamén se contemplan axudas para a instalación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e para a implantación de sistemas de préstamos de bicicletas eléctricas, que poden chegar aos 100.000 euros, mentres que para a implantación de plans de transporte aos centros de traballo o límite máximo das axudas é de 200.000 euros.

Para a compra de vehículos alternativos e a instalación de infraestruturas de recarga, a xestión das axudas levarase a efecto a través de entidades colaboradoras (concesionarios de vehículos e empresas instaladoras de baixa tensión), que deberán solicitar a súa acreditación desde o 20 de maio. Os apoios resolveranse por orde de solicitude.