INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA DESTINA 2,28M€ A PROXECTOS DE ENERXÍAS RENOVABLES TÉRMICAS DIRIXIDOS Á ADMINISTRACIÓN LOCAL, ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO, EMPRESAS E AUTÓNOMOS

29/04/2019

- O prazo desta convocatoria, de concorrencia competitiva, está aberto desde hoxe ata o 27 de maio.
- Esta orde de axudas pretende seguir avanzando na promoción da cultura do aforro e da eficiencia enerxética.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2019 - A Xunta destina un total de 2,28 M€ á orde de axudas para desenvolver proxectos de enerxías renovables térmicas da que poderán beneficiar as administracións locais, entidades sen ánimo de lucro, empresas e autónomos. A previsión é que estes apoios mobilicen ao redor de 5 M€ no sector.

En concreto, apoiaranse iniciativas de equipamentos que empreguen biomasa como combustible e outras instalacións de enerxías renovables que empreguen como fonte enerxética a xeotermia, aerotermia ou solar térmica. O prazo para solicitar estes apoios, cuxa convocatoria se realiza en réxime de concorrencia competitiva, ábrese hoxe e remata o 27 de maio e a presentación realizarase de xeito electrónico.

Os apoios poderán alcanzar unha intensidade máxima do 80% no caso das entidades locais e sen ánimo de lucro; do 70% para as pequenas empresas; do 60% para as medianas e do 50% no caso das grandes compañías.

Estas axudas forman parte do compromiso da Xunta por achegar a cidadáns, empresas e administracións a cultura da eficiencia e do aforro enerxético e súmanse ás que xa se convocaron en 2019, como os apoios para a instalación de caldeiras de biomasa para familias e comunidades de propietarios en zonas non densamente poboadas; o programa destinado a empresas e autónomos do sector servizos e industria para a realización de auditorías enerxéticas e implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia; a liña para impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética no sector agrícola primario; ou a orde de renovables térmicas para particulares e máis a de autoconsumo, tamén para cidadáns e comunidades de veciños.