INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PROGRAMA DE AXUDAS DA XUNTA PARA ACTUACIÓNS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA EN PEMES E GRANDES EMPRESAS DO SECTOR INDUSTRIAL PERMITIRÁ APOIAR 200 INICIATIVAS E MOBILIZAR 65M€

21/08/2019

- O programa de axudas da Xunta para actuacións de eficiencia enerxética en pemes e grandes empresas do sector industrial permitirá apoiar 200 iniciativas e mobilizar 65M€.

- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou esta mañá desta convocatoria que apoiará a mellora da tecnoloxía en equipos e procesos industriais e a implantación de sistemas de xestión enerxética.

- Os obxectivos son fomentar o investimento en aforro e eficiencia enerxética no sector industrial, reducindo a factura anual das empresas en 7,28M€ e diminuíndo as emisións de CO2 en preto de 25.000 toneladas ao ano, equivalente á acción de 1,25 millóns de árbores.

- O prazo de solicitudes desta convocatoria, de concorrencia non competitiva, estará aberto do 12 de setembro deste ano ao 31 de decembro de 2020.

- Nos últimos seis anos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, concedeu 1.182 axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nos sectores da industria, dos servizos e agrícola que permitiron un aforro de enerxía equivalente ao consumo eléctrico de 75.000 fogares.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2019 - A Xunta mantén o seu compromiso co impulso da eficiencia enerxética e convocará un programa de axudas neste eido dirixido tanto a pemes como grandes empresas do sector industrial que permitirá apoiar 200 iniciativas, mobilizar 65M€ e crear preto de 900 postos de traballo tanto directos como indirectos. Así o anunciou esta mañá, en Santiago de Compostela, o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, que presentou esta iniciativa que busca fomentar os investimentos en aforro e eficiencia enerxética no ámbito industrial.

A iniciativa, enmarcada no Programa estatal de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e gran empresa do sector industrial, conta cun orzamento de 16,1M€ e está financiado polo Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e polo Feder. Os interesados poden presentar proxectos tanto para a mellora da tecnoloxía en equipos e procesos industrias como para a implantación de sistemas de xestión enerxética. Contémplase unha axuda máxima dun millón de euros por proxecto que poder chegar aos dous millóns no caso daquelas actuacións que xustifiquen a consecución de elevados niveis de aforro enerxético. En todo caso, a axuda máxima por empresa, que pode presentar máis dunha solicitude, será de cinco millóns de euros.

O prazo de presentación das solicitudes, que se tramitarán por vía telemática, estará aberto desde o 12 de setembro deste ano ata o 31 de decembro de 2020. Trátase dunha convocatoria de concorrencia non competitiva polo que os fondos se repartirán por orde de chegada. Desde a concesión, as empresas disporán de 24 meses para executar os proxectos.

Con esta convocatoria, a Xunta prevé reducir os custos enerxéticos da factura das empresas en 7,28M€ ao ano mellorando, deste xeito, a súa competitividade. Ademais do aforro económico e enerxético, agárdase unha redución das emisións do CO2 de preto de 25.000 toneladas anuais, é dicir, o equivalente á acción de 1,25 millóns de árbores.
 

Balance

Tal e como explicou o director xeral, a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu, nos últimos seis anos, un total de 1182 axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nos sectores da industria, dos servizos e mais agrícola cun orzamento próximo aos 30 millóns de euros.

As iniciativas apoiadas -que incluíron desde a instalación de plantas fotovoltaicas de xeración eléctrica para autoconsumo a renovación de maquinaria ou substitución de iluminación, entre outras- permitiron un aforro enerxético equivalente ao consumo eléctrico de 75.000 fogares e unha redución de emisións correspondente á acción de tres millóns e medio de árbores.

Estas iniciativas enmárcanse nas Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020, coas que se impulsará, mediante a colaboración público-privada, un investimento de máis de 3.000 millóns de euros. Esta folla de ruta busca mellorar a calidade de vida dos galegos, a través do abaratamento dos custos e o aumento da calidade da subministración, e a competitividade do tecido empresarial grazas a un crecemento económico sustentable, apostando pola eficiencia e a potenciación das enerxías renovables de carácter autóctono.