INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA ACTIVA UN PROGRAMA DE AXUDAS POR 1,7M€ PARA IMPULSAR AS RENOVABLES E A EFICIENCIA ENERXÉTICA NO SECTOR AGRÍCOLA

24/02/2019

- O Inega abre o martes e ata o vindeiro 31 de maio o prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria coa que se prevé mobilizar investimentos por 6M€.

- As empresas poden acceder a apoios de ata 300.000 euros para instalación de equipos térmicos, autoconsumo e proxectos de aforro enerxético.

- Prevese que a posta en marcha destes proxectos supoña un aforro global de preto de 600.000 euros ao ano, ao tempo que se evitará a emisión á atmosfera de 2.150 toneladas de CO2 anuais.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2019 - A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), abrirá desde o vindeiro martes, 26 de febreiro, e ata o 31 de maio ou ata o esgotamento do crédito, o prazo de presentación de solicitudes do programa para impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética no sector agrícola primario, co que se prevé mobilizar 6 millóns de euros entre investimentos públicos e privados.

Esta iniciativa, cun orzamento de 1,72 millóns de euros, apoia a instalación de equipos térmicos de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia e solar térmica; así como o autoconsumo con minieólica e solar fotovoltaica e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nun sector clave para a economía galega. Prevese que a posta en marcha destes proxectos supoña un aforro global de preto de 600.00 euros ao ano, ao tempo que se evitará a emisión á atmosfera de 2.150 toneladas de CO2 anuais.

Nesta convocatoria, con axudas de ata 300.000 euros por empresa, contémplase unha maior intensidade nos apoios ás pequenas empresas, que poden obter ata o 55% do investimento subvencionable. Poden beneficiarse destas axudas tanto compañías do sector agrícola primario, que abarca eidos de actividade como a agricultura, a gandaría, a silvicultura e forestal, como as empresas de servizos enerxéticos.

O programa enmárcanse nas Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020, coas que se busca mellorar a calidade de vida dos galegos, a través do abaratamento dos custos e o aumento da calidade da subministración, e a competitividade do tecido empresarial grazas a un crecemento económico sustentable, apostando pola eficiencia e a potenciación das enerxías renovables de carácter autóctono.