INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA APOIA CON 1,9M€ 140 PROXECTOS DE MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA PROMOVIDOS POR EMPRESAS, AUTÓNOMOS, ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO E CONCELLOS DA PROVINCIA DE LUGO

28/10/2019

- A Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia- achega como media o 49% do investimento preciso para a posta en marcha destes proxectos que, no conxunto da provincia, mobilizaron de 3,8 M€.

Lugo, 28 de outubro de 2019 - A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, apoia con 1,9 millóns de euros 140 proxectos de mellora da eficiencia enerxética e impulso de enerxías renovables promovidos por empresas, persoas traballadoras autónomas, entidades sen ánimo de lucro e concellos da provincia de Lugo.

O importe medio das subvencións aprobadas pola Xunta na provincia de Lugo chega ao 49% do investimento realizado, isto é case a metade do orzamento mobilizado, que superou no seu conxunto os 3,8 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que as axudas forman parte do compromiso da Xunta por achegar a empresas e administracións a cultura da eficiencia e do aforro enerxético e avanzar na procura dunha Galicia máis verde, que é unha das liñas estratéxicas do Goberno galego para os vindeiros anos.

Exemplos concretos

Para visualizar e comprender mellor esta liña de axudas entre os proxectos beneficiarios figuran iniciativas como obras de rehabilitación enerxética de fachadas e teitos de distintos inmobles (envolvente térmica), instalacións solares fotovoltaicas e de xeotermia, caldeiras de biomasa; introdución de equipamentos eólicos de pequena potencia dirixidos ao autoconsumo, renovación de equipos de iluminación e sinalización exterior, etcétera.

Empresas, autónomos e entidades locais e sen ánimo de lucro

A maior parte dos proxectos que recibiron axuda (73%) foron promovidos por empresas, en concreto 102 proxectos, que permitiron mobilizar investimentos por valor de 3,1 millóns de euros e apoiados por axudas de 1,4 millóns de euros; seguidos de proxectos impulsados por persoas traballadoras autónomas, que promoveron 30 proxectos, por valor de 425.000 euros e unhas axudas totais de 192.00 euros; e finalmente atopamos proxectos promovidos por entidades sen ánimo de lucro e por concellos, que suman 8 proxectos.

Proxectos aprobados en todas as comarcas luguesas


As axudas distribúense pola práctica totalidade da provincia, con proxectos de maior ou menor contía en case todos os concellos lucenses. A zona con máis iniciativas beneficiarias é a zona Sur, con 53 proxectos, que reciben 722.100 euros que permitiron apoiar proxectos por 1,4 millóns de euros.

Na distribución comarcal tamén atopamos, en segundo lugar, a comarca de Sarria, con 28 proxectos, que perciben 258.000 euros, para mobilizar 531.300 euros. Na comarca de Lugo apóianse 20 iniciativas con 571.000 euros que permitiron mobilizar investimento por valor de 1,3 millóns de euros.

Na Terra Cha, atopamos 17 iniciativas, con 165.000 euros de axudas e un investimento mobilizado de 316.300 euros. Tamén hai 12 proxectos subvencionados na Mariña lucense, con 88.500 euros de axudas e 196.700 euros de investimento mobilizado.

Finalmente, na comarca da Ulloa, atopamos 7 iniciativas, que perciben 44.300 euros que permiten un investimento mobilizado de 84.300 euros. E, na Montaña luguesa, hai 3 expedientes, con axudas por 9.500 euros e investimentos por valor de 18.500 euros.

Estas axudas súmanse a outras que xa se convocaron este mesmo ano, como os apoios para as familias ou para a instalación de caldeiras de biomasa en domicilios particulares.