INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA APOIA SEIS PROXECTOS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA NA UNIVERSIDADE DA CORUÑA QUE PERMITIRÁN UN AFORRO ANUAL DE 240.000 EUROS NA FACTURA ELÉCTRICA

17/01/2020

- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presentou hoxe na Coruña, xunto co reitor da UDC, Julio Abalde, as iniciativas que se realizarán nos edificios do Reitorado, o pavillón de Elviña, a Escola Técnica Superior de Arquitectura e La Normal -no campus da Coruña- e na Facultade de Humanidades e na Escola Politécnica Superior -no campus de Ferrol-.

- As actuacións, ás que se destinan 2,2M€ en axudas, favorecerán un aforro enerxético equivalente ao consumo de 10.000 fogares e evitarán a emisión de 700 toneladas de CO2 ao ano.

- A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina un total de 5,9M€ a 18 proxectos de eficiencia e impulso das renovables nas universidades galegas, unha nova medida que pretende seguir avanzando na cultura do aforro enerxético e no obxectivo de contar cunha Galicia máis verde.

A Coruña, 17 de xaneiro de 2020 - O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou esta mañá, xunto co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, dos proxectos en materia de eficiencia enerxética que esta institución desenvolverá grazas ás axudas promovidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo de impulsar iniciativas en materia de aforro e renovables nas universidades galegas. Deste xeito, a Xunta avanza no seu obxectivo de contar cunha Galicia máis verde.

En concreto, desenvolveranse un total de seis proxectos na UDC cun apoio de 2,2M€. Os edificios que verán mellorada a súa eficiencia enerxética son o Reitorado, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, o pavillón de deportes de Elviña e La Normal -no campus da Coruña-. Tamén se beneficiarán desta orde de axudas a Facultade de Humanidades e a Escola Politécnica Superior de Ferrol.

De entre eles, destaca o proxecto de execución de obras para a optimización enerxética integral do edificio La Normal na que se efectuará un cambio do sistema de iluminación mediante a implantación de led na totalidade de puntos de luz; cambiarase a caldeira de gasoil por caldeiras de gas de condensación; incorporaranse cabezais termostáticos nos radiadores; implantaranse detectores de presenza nas aulas, un sistema de telexestión dos consumos enerxéticos e outro de difusión dos aforros conseguidos. Ademais, instalaranse 50kW de paneis fotovoltaicos. Deste xeito lograranse aforros do 75% na iluminación e de 29.700 euros ao ano na compra de combustible.

Estas actuacións, cun investimento final de 2,75M€,permitirán á Universidade un aforro enerxético anual de 3,6GWh –o equivalente ao consumo anual de 10.000 fogares- e pagar 240.000 euros menos ao ano na factura enerxética. Ademais evitarase a emisión de máis de 700 toneladas de CO2 ao ano e crearanse 18 postos de traballo.

En total, a nivel autonómico, a Xunta destina 5,9M€ ao conxunto das universidades galegas para o impulso de 18 proxectos -16 de aforro e eficiencia enerxética e 2 de enerxías renovables- que permitirán rebaixar a factura eléctrica anual en 640.000 euros.

Con esta nova medida, o Goberno galego continúa a súa aposta polas enerxías renovables e por implantar unha cultura do aforro enerxético en todos os eidos, desde os cidadáns, ás empresas, pasando polas administracións. As axudas enmárcanse no Plan de aforro e eficiencia enerxética da administración pública 2015-2020 e está aliñada coas Directrices Enerxéticas de Galicia.