INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía, Empresa e Innovación

A XUNTA ABRE O PRAZO DE SOLICITUDES PARA AS EMPRESAS DE VENTA DE VEHÍCULOS ELÉCTRICOS E AS DE IMPLANTACIÓN DE INFRAESTRUTURAS DE RECARGA QUE QUEIRAN COLABORAR CO PROGRAMA MOVES III

05/08/2021

 - Os concesionarios e instaladores poderán presentar as súas peticións de adhesión como entidades colaboradoras a partir de mañá, venres 6 de agosto.
- Os particulares, comunidades de propietarios, autónomos, empresas e entidades locais poderán solicitar as axudas do programa a partir do 13 de setembro, que se concederán por orde de chegada.
- Os apoios para a compra de automóbiles poderán acadar os 9000 euros e nesta convocatoria duplícase ata o 80% a porcentaxe máxima de axudas para a instalación de puntos de recarga.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021.- A Xunta ven publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación da convocatoria de axudas para o período 2021-2023 do Moves III, o programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica que contará cun total de 22,7M€ –o Goberno galego destinará 4,4 millóns para desenvolver proxectos propios neste eido–. Así, mañá, venres 6 de agosto, abre o prazo para que concesionarios, no caso de adquisición de automóbiles, e empresas instaladoras de baixa tensión para a implantación de infraestruturas de recarga presenten as súas solicitudes como entidades colaboradoras.

Estas axudas, xestionadas pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), diríxense a particulares, comunidades de propietarios, empresas e entidades locais que poderán presentar as súas solicitudes a partir do 13 de setembro deste ano e ata o 31 de decembro de 2023 ou ata que se esgote o crédito, xa que se trata dunha convocatoria de concorrencia non competitiva.

A principal novidade desta convocatoria con respecto ás anteriores é que haberá dúas únicas liñas. A primeira delas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible. Neste caso, as axudas oscilarán entre os 700 e os 9000 euros por automóbil en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións. Así, a compra de motocicletas e cuadriciclos apoiarase con axudas de ata 2000 euros; os turismos recibirán ata 7000 euros; e as furgonetas poden chegar aos 9000 euros. Os particulares só poderán dispoñer de apoios para a compra dun vehículo, mentres que o resto de beneficiarios –entre os que se encontran autónomos e pemes– poden solicitar ata 50 por ano –fronte os 30 de límite na anterior edición–.

A segunda liña do Moves III diríxese á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, con axudas de entre o 30% e o 80% do custo subvencionable en función do tipo de solicitante, potencia, ou localización en concellos de menos de 5000 habitantes. Deste xeito, a axuda máxima duplícase con respecto a anteriores convocatorias, onde era do 40%.

Con estes apoios, a Xunta de Galicia agarda mobilizar 98M€, favorecer un aforro económico anual de 2,3 millóns nos custos de combustible e conseguir unha redución de CO2 equivalente a plantar 186.000 árbores.

Deste xeito, as axudas contribuirán a seguir avanzando na descarbonización do transporte, reducir os custos enerxéticos dos propietarios de vehículos e fomentar unha rede pública e privada de puntos de recarga.

As dúas convocatorias anteriores do programa Moves xa permitiron destinar preto de 6M€ para apoiar un total de mil proxectos de mobilidade eléctrica. A maiores, grazas ás axudas dos Plans de transición a unha mobilidade eficiente promovidos pola Xunta de Galicia, facilitouse a adquisición de 750 vehículos de baixo consumo e baixas emisións.