INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

A XUNTA AVALÍA CO SECTOR PESQUEIRO E INDUSTRIAL OS PLANS DE ORDENACIÓN DO ESPAZO MARÍTIMO ANTES DE PRESENTAR AO GOBERNO AS SÚAS ALEGACIÓNS SOBRE O DESENVOLVEMENTO FUTURO DA EÓLICA MARIÑA

28/07/2021

- O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron esta tarde na reunión do pleno do Observatorio da eólica mariña.
- O Observatorio contará cunha páxina web onde se recolla a súa actividade, unha ferramenta para favorecer a participación e o diálogo aberto.
- O Goberno galego aposta polo consenso e a transparencia con todos os actores implicados para que calquera proxecto que se aprobe no mar sexa compatible coas actividades marítimo-pesqueiras e respecte o medio ambiente e as costas galegas.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2021 - O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron esta tarde en Santiago de Compostela nunha reunión do pleno do Observatorio da eólica mariña, o instrumento posto en marcha pola Xunta de Galicia o pasado mes de xuño para identificar oportunidades e analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas, da man do sector industrial, o marítimo-pesqueiro e as entidades e organizacións vinculadas.


Así, o encontro de hoxe serviu para seguir fortalecendo o diálogo e a colaboración entre administracións e axentes implicados, a través da avaliación conxunta dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) –a súa consulta pública permanecerá aberta ata setembro– co obxectivo de que as propostas que a Xunta envíe ao Goberno sexan as que mellor representan a posición de Galicia. A Xunta, tal e como sinalou Francisco Conde, mantén a súa defensa de integrar obxectivos ecolóxicos, económicos e sociais á hora de desenvolver calquera proxecto vinculado coa eólica mariña.


Neste sentido, a conselleira do Mar destacou que calquera proxecto que se aprobe no mar debe ser compatible coas actividades marítimo-pesqueiras xa existentes e respectar a protección do medio ambiente e das costas galegas

.
Rosa Quintana asegurou que a vontade do Executivo galego é apostar polo consenso e a transparencia con todos os actores do sector marítimo-pesqueiro para impulsar na medida do posible o desenvolvemento da Economía Azul e das actividades vencelladas co mar.
Así, o vicepresidente económico sinalou que o Observatorio vai contar cunha páxina web onde se recolla toda a súa actividade, unha ferramenta que sirve de exemplo da aposta de Galicia pola participación, o diálogo aberto e a transparencia para conseguir que o desenvolvemento da eólica mariña se faga desde o equilibrio, a compatibilidade e a sustentabilidade.

Grupos de traballo

O Observatorio está formado por representantes da Xunta (membros da Vicepresidencia segunda e das consellerías do Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda); da industria –Asime– e do sector pesqueiro –tanto das confrarías como do Consello Galego de Pesca–.
Trala súa constitución o pasado 9 de xuño, establecéronse tres grupos de traballo: un para a planificación e normativa –centrado na análise dos POEM–; outro baseado na tecnoloxía e innovación; e un terceiro que se dedicará á área de impacto social.