INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía, Empresa e Innovación

A XUNTA DESTINA 5,4M€ A APOIAR PRETO DE 500 ACTUACIÓNS QUE IMPULSEN O USO DAS ENERXÍAS RENOVABLES E A EFICIENCIA ENERXÉTICA NO SECTOR AGRÍCOLA

05/06/2021

- O obxectivo do Goberno galego é mobilizar 22,8M€, crear ou manter máis de 180 empregos e permitir un aforro de 2M€ na factura enerxética.
- A axuda máxima por proxecto nas explotacións agropecuarias será de 1M€ e poden optar a esta liña tanto as persoas físicas como xurídicas titulares dunha explotación gandeira, propietarios de explotacións agrícolas de regadío ou comunidades cidadás de enerxía, entre outros.
- A Administración ampliará ata os 3,7M€ a convocatoria para os proxectos levados a cabo no sector agrícola primario co fin de impulsar 420 iniciativas.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2021 - A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pon en marcha un conxunto de axudas por valor de 5,4M€ destinadas ao sector agrícola co obxectivo de impulsar a eficiencia enerxética e tamén o uso das enerxías renovables nas explotacións agropecuarias galegas. Son preto de 500 as actuacións ás que pretende beneficiar o Goberno galego, o que se traduciría na mobilización de 22,8 millóns de euros. Ademais, o sector poderá aforrar ao redor de 2M€ na factura enerxética grazas a estes apoios e crear ou manter 184 postos de traballo.

En concreto, trátase de dúas liñas de axudas que a Administración autonómica pon en marcha a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). A primeira delas, de concorrencia non competitiva, conta cun orzamento de 1,67M€ procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e está destinada ao apoio dunhas 60 actuacións realizadas en explotacións agropecuarias, baseadas na implantación de tecnoloxía eficiente para reducir o consumo inicial en polo menos un 10%.

Entran dentro desta liña as instalacións de regadío –substitución do grupo de bombeo por outros máis eficientes desde o punto de vista enerxético; implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos; modernización de sistemas de regulación, control e monitoraxe da rede de rega; ou cambio de baterías de condensadores nas estacións de bombeo, por exemplo–, e tamén as explotacións
–actuacións nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; cambio da enerxía convencional por enerxías renovables térmicas; ou a reforma ou substitución de instalación de iluminación interior e exterior, entre outras–.

A axuda máxima por proxecto será dun millón de euros e poderán optar a elas tanto as persoas físicas como xurídicas titulares dunha explotación gandeira; as comunidades de regadores e outras organizacións; os titulares de explotacións agrícolas de regadío; organizacións ou asociacións de produtores agrícolas; comunidades de enerxías renovables e comunidades cidadás de enerxía; así como empresas de servizos enerxéticos.

Para a segunda liña de axudas, pensada para o sector agrícola primario, a Xunta ampliará o orzamento ata os 3,7M€ –o inicial era de 2,5M€– para impulsar 420 proxectos relacionados coas enerxías renovables e eficiencia enerxética. En concreto, destacan as actuacións referidas á enerxía fotovoltaica con 386 iniciativas, seguidas da biomasa con 10 proxectos, sete de minieólica, tres bombas de calor xeotérmicas e outras tres de aerotermia, ademais de 11 proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

Esta convocatoria inclúe unha novidade, xa que está enfocada a fomentar as axudas en explotacións agrarias que carezan delas ata o momento e naquelas situadas en zonas economicamente menos favorecidas, para o que se tiveron en conta os datos do IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos concellos galegos. Desde que se convocou por primeira vez en 2017 esta liña específica e contando con esta nova resolución, son xa preto de 1000 as iniciativas beneficiadas con axudas de case 11,5M€.

Con estas dúas liñas de axudas, o Goberno galego pretende seguir fomentando os investimentos en proxectos de aforro enerxético no sector agropecuario, así como impulsar o uso de enerxías renovables para mellorar a competitividade e contribuír á revitalización do ámbito rural e do sector agrícola primario.