INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía, Empresa e Innovación

A XUNTA ORGANIZA PRETO DE 60 TALLERES EN DIFERENTES CONCELLOS GALEGOS PARA INFORMAR SOBRE A NOVA TARIFA ELÉCTRICA

15/06/2021

- O director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Manuel Heredia, asistiu esta tarde a unha destas charlas que se levou a cabo no Museo do Moble e da Madeira da Estrada.
- O Goberno galego ten programados un total de 51 talleres presenciais en núcleos urbanos e rurais e sete virtuais en concellos con Oficinas municipais de información ao consumidor ou Aulas Cemit.

A Estrada (Pontevedra), 15 de xuño de 2021.- O director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, participou esta tarde no Museo do Moble e da Madeira da Estrada nun taller informativo sobre a nova tarifa eléctrica organizado polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), en colaboración coa Federación Galega de Euroconsumo.


No acto, no que tamén interviñeron a directora técnica da Escola Galega do IGCC, Montserrat Rodríguez, e o técnico especialista en electricidade Andrés Breijo Cotelo, o director de Comercio e Consumo da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para dar resposta á cidadanía galega ante as posibles dúbidas xeradas polos tramos horarios da nova factura implantada polo Goberno central o pasado 1 de xuño.


Este taller forma parte dunha campaña formativa posta en marcha desde a Vicepresidencia económica, a través do IGCC, para que os consumidores galegos dispoñan da información necesaria para aforrar na factura da luz tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa –val, chairo e punta–, nos que o custo da enerxía será máis barata ou máis cara dependendo da hora do día e da semana.


A iniciativa contempla un total de 58 talleres informativos destinados a solucionar as dúbidas relacionadas, por exemplo, coa contratación de potencia ou o novo recibo da luz. Un total de 51 destes talleres serán presenciais, como o desta tarde no concello da Estrada, e levaranse a cabo en zonas tanto urbanas como rurais, esperando chegar a preto de 1.155.000 galegos e galegas. Os sete talleres restantes realizaranse de maneira virtual en aqueles concellos que conten con Oficinas municipais de información ao consumidor (Omic) ou Aulas Cemit.


Ribeira, Vilalba, O Barco, Fisterra, Cuntis, Viana do Bolo e Moraña son algúns dos seguintes concellos nos que o IGCC ten previsto realizar talleres presenciais durante este mes de xuño, aínda que a iniciativa percorrerá diferentes municipios galegos ao longo deste ano.

Campaña inclusiva
Ademais da cidadanía en xeral, o Goberno galego quere trasladar tamén a campaña informativa aos colectivos máis vulnerables. Así, xa iniciou tamén unha serie de charlas baseadas na “resiliencia enerxética”, que se enmarcan dentro dos acordos que o IGCC ten alcanzado con diferentes organizacións e entidades como Cáritas –realizaranse talleres os vindeiros días 22 e 29 de xuño e o 5 de xullo–, Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus) e a Once.


Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia reserva este ano 1,6M€ para o bono eléctrico galego para os fogares con menos recursos, unha iniciativa que en 2020 garantiu a subministración eléctrica a preto de 4400 familias.
Dentro desta campaña informativa, o Instituto Galego de Consumo e da Competencia traballa tamén en novos contidos dixitais e interactivos na súa web, onde xa se pode atopar información referida á nova tarifa, e crearase tamén un apartado de preguntas e respostas, así como consellos e boas prácticas para axustar a factura.


O IGCC, ademais das súas oficinas repartidas polas sete grandes cidades de Galicia, conta cun servizo telefónico gratuíto a través do número 900 23 11 23, que funciona de 9 a 14 horas de luns a venres. Os consumidores tamén poden enviar un correo electrónico coas súas dúbidas a través dun formulario que atoparán na web do organismo, onde hai dispoñible a maiores un asistente de reclamacións. Pódese obter máis información e consellos prácticos a través da páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).