INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía, Empresa e Innovación

A XUNTA AVOGA POR TECNOLOXÍAS RENOVABLES COMO A AEROTERMIA PARA AVANZAR NA CULTURA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA

17/06/2021

- O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na xornada ‘Aerotermina-bomba de calor: unha oportunidade para a recuperación verde de Galicia’, organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña.

- O Goberno galego destina este ano 14,2 millóns de euros a diferentes liñas de axudas para impulsar a eficiencia enerxética en industrias, empresas, administracións locais e fogares.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021 - O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá por videoconferencia á xornada Aerotermia-Bomba de calor: Unha oportunidade para a recuperación verde en Galicia, organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña, onde apostou polo uso desta tecnoloxía para que Galicia poida avanzar na cultura da eficiencia enerxética.

Así, defendeu a importancia de apostar pola autosuficiencia tanto na industria, as empresas e o sector público como nos fogares galegos, facendo referencia á necesidade de acadar os obxectivos de descarbonización e a transicións ecolóxica.

Un feito, o de apostar por enerxías renovables como a aerotermia, que contribúe á recuperación económica, o crecemento empresarial e á xeración de emprego a través da sustentabilidade, tal e como destacou Francisco Conde.

Cabe recordar que a Xunta destina este ano 14,2 millóns de euros para diferentes liñas de axudas que contribúan á eficiencia enerxética. Unha destas liñas está dirixida ao tecido empresarial, entidades sen ánimo de lucro e administracións locais para a instalación de caldeiras de aerotermia, biomasa, xeotermia ou solar térmica –o prazo para presentar solicitudes finaliza o próximo 26 de xuño–. Ademais, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, tamén ten abertas axudas para 60 proxectos de explotacións agropecuarias vinculados á mellora de instalacións de regadío, envolventes térmicas, instalacións de calefacción, ventilación ou iluminación –o prazo de solicitude pecha o 31 de decembro–.

Ambas iniciativas contribuirán a aforrar ao redor de medio millón de euros e 1,25 millóns de litros de gasóleo, ademais de reducir as emisións de CO2 equivalente á plantación de 185.000 árbores, favorecendo o avance nunha economía máis verde e sostible.