INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

O INEGA SUMA EN 2022 PRETO DE 54M€ PARA AVANZAR CARA A UNHA GALICIA SOSTIBLE A TRAVÉS DAS RENOVABLES E A EFICIENCIA ENERXÉTICA

05/11/2021

- A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, compareceu hoxe no Parlamento galego para presentar os orzamentos do Inega para o próximo ano.
- As contas do organismo dependente da Vicepresidencia económica da Xunta increméntanse preto dun 39% con respecto a esta anualidade.
- Destina 17 millóns de euros ao fomento de investimentos en proxectos de autoconsumo eléctrico e almacenamento dirixidos a familias, pemes e autónomos.
- O Goberno galego traballa para que Galicia se consolide como un polo enerxético innovador, con especial impulso ao hidróxeno verde, así como á implantación de novas tecnoloxías que supoñan unha consolidación de emprego no tecido empresarial.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021 - A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, presentou esta tarde no Parlamento galego os orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para o vindeiro ano, que suman 53,7 millóns de euros, co obxectivo de promover un modelo enerxético sostible a través do impulso das renovables e a eficiencia e o almacenamento de enerxía.

Así, o Inega contará no 2022 co maior orzamento da súa historia, incrementándose nun 38,9% con respecto á actual anualidade, o que, en palabras de Uría como directora tamén deste Instituto, demostra o compromiso da Xunta cara a busca do equilibrio entre o progreso social e económico de Galicia e o respecto ao medio natural.

Neste sentido, a directora xeral indicou que se tratan dunhas contas acordes aos obxectivos de descarbonización fixados por Europa, que pretenden a redución nun 55% de gases de efecto invernadoiro en 2030 e a neutralidade climática en 2050. “Con estes orzamentos vanse mobilizar máis de 140 millóns de euros en investimentos que serán piares fundamentais cara a descarbonización da economía galega e para lograr a reactivación e a recuperación da actividade produtiva, así como para contribuír á cohesión social e territorial”, apuntou Uría.

Nun contexto como o actual, onde os elevados prezos enerxéticos están a afectar tanto á competitividade do tecido industrial e empresarial como ás familias, o Goberno galego aposta nas súas contas de 2022 polo fomento de investimentos e proxectos que faciliten unha transición enerxética xusta para os sectores económicos, ao tempo que contribúen a reducir o impacto na factura eléctrica dos consumidores. Entre outras iniciativas, fomentarase o autoconsumo de renovables e a eficiencia enerxética nos fogares, as pemes e autónomos, cun investimento que suma preto de 26 millóns de euros, destacando os 17,1M€ destinados ao fomento do autoconsumo eléctrico e almacenamento e ao impulso de comunidades enerxéticas locais.

Tamén se destinarán 7,2 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética na industria e preto dun millón para axudar ao sector agrogandeiro. Unha partida de 9,5M€ será para actuacións de mobilidade sostible, coa aprobación do Plan galego de transición cara a unha mobilidade eficiente (2,5M€), e para a adquisición de vehículos eléctricos e a implantación de infraestruturas de recarga (7M€) a través do plan Moves.

Fontes renovables
Uría quixo destacar tamén que o Goberno galego seguirá traballando no eido das enerxías renovables mariñas, consolidando o Observatorio de eólica mariña como foro de encontro, co obxectivo de garantir o desenvolvemento desta tecnoloxía renovable desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño. A este respecto, a Xunta de Galicia, impulsará a creación dun centro de I+D+i en enerxías renovables mariñas e almacenamento enerxético.

Ao mesmo tempo, o Inega continuará promovendo o uso da biomasa e doutras enerxías alternativas de uso térmico, dando exemplo desde os edificios do sector público autonómico.

“Apostamos porque Galicia se consolide como un polo enerxético innovador, con especial impulso ao hidróxeno verde e o almacenamento, así como a implantación de novas tecnoloxías de enerxías renovables que supoñan unha consolidación de emprego no tecido empresarial galego”, apuntou Paula Uría.

A directora xeral quixo pechar a súa comparecencia destacando o papel decisivo e necesario que poden desempeñar os fondos europeos Next Generation como motor de impulso para levar adiante os grandes proxectos transformadores no tecido produtivo de cara a unha transición xusta, polo que avogou pola máxima colaboración e coordinación entre administracións públicas e axentes sociais.