INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía, Empresa e Innovación

A XUNTA DESTACA A OPORTUNIDADE QUE SUPÓN O HIDRÓXENO VERDE PARA ABORDAR OS DESAFÍOS DA TRANSICIÓN DIXITAL E ENERXÉTICA EN GALICIA

23/09/2021

- A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá en Ferrol na xornada Hidróxeno verde en Galicia.
- Subliña que a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation centra un dos seus obxectivos na produción desta tecnoloxía renovable, peza clave na descarbonización e a reactivación económica.

Ferrol,  23 de setembro de 2021.- A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol na inauguración da xornada Hidróxeno verde en Galicia, organizada polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal). Durante a súa intervención, destacou a oportunidade que ten nestes momentos a Comunidade para poder abordar os desafíos da transición dixital e enerxética, co hidróxeno como vector clave desa transformación.


“Unha oportunidade para lograr a reactivación económica e a reindustrialización, sobre todo nunha comarca como Ferrolterra, así como para a creación de novos empregos e a contribución á cohesión social e territorial”, sinalou Uría.


Neste contexto, a directora xeral asegurou que o hidróxeno verde se presenta como unha peza clave para a descarbonización, permitindo desenvolver toda a cadea de valor no sector industrial –desde a xeración de I+D+i ata a fabricación de compoñentes–. “Desde a Xunta estamos a traballar activamente para constituír a Galicia como un polo enerxético innovador no que o vector hidróxeno vai ser fundamental e un dos piares básicos para o desenvolvemento da transformación enerxética da Comunidade”, manifestou.


Así, fixo referencia a que a candidatura que presenta Galicia aos fondos europeos Next Generation centra un dos seus obxectivos na produción de hidróxeno renovable. Precisamente, a Xunta está a coñecer as iniciativas relativas a esta tecnoloxía a través da manifestación de interese convocada este ano polo Goberno galego para identificar os potenciais usos desta tecnoloxía en Galicia e liderar así o seu despegue en España.


“Temos por diante grandes oportunidades e grandes retos”, manifestou Paula Uría, ao mesmo tempo que avogou pola necesidade de seguir traballando en consonancia cos obxectivos europeos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro para avanzar cara unha economía verde, un obxectivo no que a colaboración público-privada será fundamental.