INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA DESTINARÁ ATA UN MÁXIMO DE 140 MIL EUROS A AMPLIAR O SERVIZO DE PROMOCIÓN DO USO DA BICICLETA EN VILAGARCÍA DE AROUSA, COA POSTA EN MARCHA DUNHA 2ª FASE

23/01/2011

  • O obxectivo último desta iniciativa, financiada e impulsada polo Inega, é promover a eficiencia no sector do transporte, aliviar o exceso de conxestión e reducir o problema medioambiental derivado dos usos fósiles do transporte
  • O Instituto Enerxético de Galicia presta este servizo de uso público de préstamo de bicicletas en 15 concellos galegos, sistema que ten como beneficiarios a máis de 850.000 galegos, é dicir, ao 30% da poboación
  • Desde que puxo en marcha o programa, o Inega leva investidos un total de 2.520.000 euros na promoción da utilización da bicicleta, o que supón un aforro de máis de 215.000 litros de gasóleo (189 toneladas equivalentes de petróleo anuais), un aforro económico superior a 230.000 euros, así como unha redución na emisión a atmosfera de 686 toneladas de CO2 ao ano

Santiago, 23 de xaneiro de 2011 .- Cento corenta mil euros é a partida máxima que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, dedicará á implantación dunha segunda fase do servizo Bicidadáns, de promoción da bicicleta como medio de transporte, no Concello de Vilagarcía de Arousa, iniciativa que se desenvolverá ata o 15 de outubro de 2011.

Así se recolle no convenio de colaboración asinado entre o director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez García, e a alcaldesa de Vilagarcía, María Dolores García Giménez. O obxectivo desta iniciativa é actuar sobre a mobilidade urbana e conseguir cambios no reparto modal, propiciando unha maior utilización dos medios máis eficientes de transporte, neste caso en concreto, da bicicleta, polas numerosas vantaxes que presenta, entre elas o aforro enerxético e económico.

Este medio de transporte é o máis rápido e eficiente nos traxectos de menos de 3 quilómetros e case 10 veces máis barato que o automóbil. A súa facilidade de utilización, posto que máis do 90% da poboación sabe andar en bicicleta; o seu carácter silencioso e non contaminante e a reducida ocupación de espazo son outras potencialidades engadidas que presenta. A través deste convenio co Concello de Vilagarcía, un dos dous que Economía e Industria desenvolverá neste exercicio en diversas entidades locais e mancomunidades con máis de 10.000 habitantes, trátase de impulsar a ampliación do servizo no devandito municipio(sistema que se puxo en funcionamento en base a un convenio asinado co Inega a finais de 2008), dada as demandas existentes dos usuarios porque se puxera en marcha unha segunda fase.

Situación actual

Actualmente este sistema de préstamo de bicicletas, impulsado e financiado polo Inega, xa funciona nun total de 15 concellos, o que supón que máis de 850.000 galegos, é dicir, o 30% da poboación, se poden beneficiar deste servizo público, con preto de 22.000 usuarios que foron dados de alta nas diferentes modalidades de abonos, dos que están activos máis de 13.000. Ademais, a día de hoxe están en servizo 78 bases dispensadoras de bicicletas subvencionadas polo Inega, que suman máis de 950 anclaxes e dan servizo a unha frota de máis de 1.818 bicicletas. Desde o seu arranque o Inega leva realizado un investimento total de 2.520.000 euros na promoción da utilización da bicicleta, o que supón un aforro de máis de 215.000 litros de gasóleo (189 toneladas equivalentes de petróleo anuais), un aforro económico superior a 230.000 euros, así como unha redución na emisión a atmosfera de 686 toneladas de CO2 ao ano.

Requisitos para os concellos

Antes da posta en marcha do servizo, o Concello de Vilagarcía de Arousa deberá dispoñer dun estudio ou plan director onde se analice o fomento do uso da bicicleta en xeral e dos sistemas de préstamo público de bicicletas en particular, antes da entrada en funcionamento do servizo.

O obxectivo principal con esta análise é captar os viaxeiros motorizados e facilitar unha maior rotación diaria de cada bicicleta. As bases deberán dispoñer dun sistema de retención automático de bicicletas que funcione preferentemente mediante a utilización de tarxetas electrónicas, de xeito que permita levar un control informatizado da súa utilización. Así mesmo os devanditos postos de depósito das bicis irán preferiblemente dotadas de marquesiñas ou saledizos para o resgardo da intemperie e con medidas de seguridade.

O Concello de Vilagarcía de Arousa comprométese a mercar un mínimo de 50 bicicletas, que estarán a disposición do público en diversas bases, podendo ser parte ou o total delas, eléctricas. O sistema estará á disposición do público, para o seu uso, un mínimo de 4.000 horas anuais, por un período mínimo de tres anos a partir da posta en marcha deste. Non obstante, neste convenio só teñen cabida os custos de xestión do primeiro ano.

A entidade beneficiaria comprométese, ademais, a remitir ao Instituto Enerxético de Galicia un informe trimestral durante o primeiro ano de servizo do sistema, no que se informe do número de usuarios mensuais do sistema e do estado do mesmo. Ademais, deberá atender ás solicitudes adicionais de información que o Inega realice e promocionar axeitadamente o sistema para maximizar a utilización das bicis polos cidadáns.

O Concello de Vilagarcía de Arousa comprométese a mercar un mínimo de 50 bicicletas, que estarán a disposición do público en diversas bases, podendo ser parte ou o total delas, eléctricas. O sistema estará á disposición do público, para o seu uso, un mínimo de 4.000 horas anuais, por un período mínimo de tres anos a partir da posta en marcha deste. Non obstante, neste convenio só teñen cabida os custos de xestión do primeiro ano. 

Informe trimestral e información adicional

A entidade beneficiaria comprométese, ademais, a remitir ao Instituto Enerxético de Galicia un informe trimestral durante o primeiro ano de servizo do sistema, no que se informe do número de usuarios mensuais do sistema e do estado do mesmo. Ademais, deberá atender ás solicitudes adicionais de información que o Inega realice e promocionar axeitadamente o sistema para maximizar a utilización das bicis polos cidadáns.