INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

50 REPRESENTANTES DO SECTOR ENERXÉTICO PARTICIPARÁN NUNHA XORNADA TÉCNICA, PROMOVIDA POR ECONOMÍA E INDUSTRIA, PARA A DIFUSIÓN DUN PROTOCOLO ESTÁNDAR DE VERIFICACIÓN DO AFORRO

23/02/2011

  • O curso ten como fin dar a coñecer a necesidade de implantar unha pauta común de actuación (o denominado Protocolo EVO) para determinar e validar os aforros enerxéticos obtidos coa implantación de medidas de eficiencia enerxética, a fin de mellorar o rendemento das instalacións estudadas
  • O seminario está dirixido a empresas de servizos enerxéticos, a compañías comercializadoras e distribuidoras de enerxía e á industria en xeral e desenvolverase o xoves, 24 de febreiro, na EGAP

Santiago, 23 de febreiro de 2011.- Ao redor de medio cento de representantes do sector enerxético participarán mañá, xoves, 24 de febreiro, nunha xornada técnica de difusión do Protocolo Internacional de Medida e Verificación de Aforros Enerxéticos (EVO, Efficiency Valuation Organization Inc.), promovida polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, e que se desenvolverá na EGAP (Polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela).

O seminario que o Inega desenvolve en colaboración con EnergyLab pretende sensibilizar aos profesionais que interveñen no sector sobre a necesidade de implantar unha pauta estándar de actuación para determinar os aforros obtidos coa implantación de medidas de eficiencia enerxética a fin de valorar e mellorar o rendemento das instalacións estudadas. Os destinatarios do encontro son principalmente os actores que interveñen neste proceso: empresas de servizos enerxéticos (ESEs), empresas comercializadoras e distribuidoras de enerxía e á industria en xeral.

Protocolo estándar Hai que destacar que a cantidade de enerxía consumida para fabricar un produto ou prestar un servizo é moi superior á estritamente necesaria, polo que é preciso establecer mecanismos de control que axuden a diminuílo, incrementando a eficiencia enerxética. E de aí a necesidade de implantación dun protocolo estándar de medida, que tamén será determinante para conseguir a dinamización do mercado das ESEs.

Este curso de introdución ao protocolo EVO desenvolverase en xornada de mañá (de 10.00 a 14.00 horas) e de tarde (de 16.00 a 18.00 horas).