INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PROXECTO GE2C´S, DIRIXIDO POR ECONOMÍA E INDUSTRIA, INCREMENTA A EFICIENCIA COA INSTALACIÓN DE CENTRAIS DE COXERACIÓN NAS PROVINCIAS DE OURENSE E PONTEVEDRA E NO NORTE DE PORTUGAL

01/05/2011

• Este programa europeo, coordinado polo Inega que actúa como xefe de fila, comezou esta semana a súa andaina que se estenderá ata decembro de 2012, coa primeira reunión de coordinación entre o conxunto dos socios

• A coxeración é un dos sistemas de transformación enerxética máis eficientes ao permitir obter aforros de enerxía primaria superiores ao 30% respecto á xeración convencional

Santiago, 1 de maio de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia, adscrito a Economía e Industria, coordinou a primeira reunión de arranque do proxecto europeo “GE2C´S: Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos”, que ten por obxectivo promover a eficiencia enerxética das instalacións de coxeración no sector terciario de Ourense, Pontevedra e Norte de Portugal.

O proxecto GE2C´S (Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos),  que se desenvolverá ata finais de 2012, encádrase dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013 e conta cun orzamento de 1.062.602,92 euros, dos cales un 75% fináncianse mediante fondos FEDER e o 25% mediante achegas dos socios participantes no proxecto: o Inega (que actúa como xefe de fila), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Confederación  de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), o Instituto de Engenharía Mecãnica e Gestão industrial (INEGI), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

Á xornada, que se celebrou esta semana na sede do Inega, serviu para definir o conxunto de actuacións que van desenvolver cada un dos socios deste proxecto que conta cun 1,06 millóns de euros, e do que o Inega xestiona 303.930 euros. Entre as actuacións que se desenvolverán proximamente hai que destacar a posta en marcha dunha páxina e dunha xornada de presentación do proxecto e a organización dun curso de xestor para a eficiencia.

Actuacións relevantes

A instalación de dúas plantas de coxeración, unha en Galicia e outra no Norte de Portugal, que se asentarán en instalacións públicas e que ten un carácter exemplarizante e demostrativo, será unha das actuacións que se desenvolva no marco de GE2C´S.

Ademais, tamén se levará adiante, integrado neste proxecto a elaboración dunha guía sobre a situación enerxética do sector servizos na eurorrexión; o desenvolvemento de varios plans de mellora enerxética en pequenas e medianas empresas do sector servizos, así como de cinco plans de viabilidade de plantas de coxeración.

A celebración de xornadas técnicas sobre as potencialidades de coxeración, de sistemas de xestión enerxética ou da eficiencia no transporte, xunto coa elaboración dunha guía de casos prácticos sobre casos de éxito de aforro enerxético son outras das actuacións que se executarán ao abeiro deste programa.

A coxeración baseada na produción conxunta de enerxía eléctrica e de calor nunha mesma instalación é un dos sistemas de transformación enerxética máis eficientes, xa que permite obter aforros de enerxía primaria superiores ao 30% respecto á xeración convencional de enerxía eléctrica e térmica de xeito separado.

No ano 2008 as instalacións de coxeración representaron o 5,7% da potencia eléctrica instalada en Galicia e xeraron o 9,5% da enerxía eléctrica producida. Non obstante, do máis dun cento de centrais deste tipo existentes en Galicia, só un 10% se sitúan no sector servizos, polo que un dos grandes obxectivos do proxecto é dar a coñecer en que situación é rendible no sector esta tecnoloxía.

Á marxe do proxecto GE2C´S, o Inega convoca anualmente unha liña de axudas pola que subvenciona a realización de estudos de viabilidade de centrais de coxeración, así como a realización de auditorías enerxéticas para mellorar o rendemento das centrais en funcionamento, cunha contía subvencionable do 75% en ambos os dous casos.

 logos_GE2C