INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVE UNHA XORNADA INFORMATIVA SOBRE O PROXECTO EUROPEO ENERBIOALGAE SOBRE O APROVEITAMENTO DAS MICROALGAS PARA DEPURAR AS AUGAS E ELABORAR BIOCOMBUSTIBLES

04/05/2011

• O Instituto Enerxético de Galicia, que participa como socio na iniciativa, xestiona máis de 150 mil euros deste programa no que tamén traballan a Universidade de Vigo, que actúa como xefe de fila; a Universidade de Almería; a Universidade de Pau et des Pays de l´Adour; o Centro National de la Recherche Scientifique e a Universidade de Aveiro

Santiago, 4 de maio de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, desenvolverá unha xornada informativa sobre o proxecto europeo EnerBioAlgae no que participa como socio, e que terá lugar o próximo martes, 10 de maio, no salón de actos da EGAP (Polígono de Fontiñas).

O obxectivo deste encontro, que será inaugurado polo director do Inega, Eliseo Diéguez García, é dar a coñecer este programa europeo que ten como fin analizar o potencial de aproveitamento das microalgas como fonte de produción de enerxía continua, inesgotable e non contaminante.

Na iniciativa, que se desenvolverá ata finais de 2012, participan tres entidades de España, a Universidade de Vigo, a Universidade de Almería e o Inega; dous centros franceses, a Universidade de Pau et des Pays de l´Adour e o Centre National de la Recherche Scientifique e un de Portugal, a Universidade de Aveiro.

O devandito seminario constará de dúas mesas redondas nas que se presentarán os obxectivos do proxecto, as etapas en que será desenvolto e a participación nel de cada un dos socios e tamén os puntos de vista sobre as posibilidades de aproveitamento, presente e futuro, das microalgas para producir biocombustibles, con puntos de vista que serán achegados por dúas das universidades participantes, pola empresa privada Repsol YPF e pola Administración autonómica.

A xornada dará comezo ás 9.45 horas co acto de inauguración oficial. A continuación terá lugar o relatorio “O proxecto EnerBioAlgae: obxectivos e plan de traballo”, no que tomarán parte como ponentes os profesores Jesús Torres Palenzuela, da Universidade de Vigo; Francisco Gabriel Acién Fernández, da de Almería; Margarida Coelho, da de Aveiro; Frédéric Plantier, da Université de Pau et des Pays de l´Adour xunto con Juan Tomás del Puerto Vilas, en representación do Inega.

O encontro tamén abranguerá a celebración dunha segunda mesa redonda co título “As microalgas como fonte de produción de biocombustibles: perspectiva científica, empresarial e da administración”, na que participarán os profesores Jesús Torres Palenzuela e Fernando Neto, das universidades de Vigo e Aveiro; Carlos Díaz García, do Centro de Tecnoloxía de Repsol YPF, xunto con José Manuel Lamela Rivera, en representación da Dirección Xeral de Industria da Xunta de Galicia. O director do departamento de Enerxía e Planificación do Inega, Emérito Freire, será o encargado de clausurar a xornada.

Destinatarios e inscrición

A xornada está dirixida a persoal de empresas do sector enerxético, a persoal de empresas do sector medioambiental, a persoal da administración e aos interesados, en xeral. O rexistro, on line, deberá realizarse na páxina web do Inega, www.inega.es, e pecharase o domingo, 8 de maio. As inscricións despois desta data serán atendidas por persoal encargado da recepción o día da xornada, no propio recinto da EGAP. En todo caso as prazas serán limitadas segundo a orde de inscrición.

O orzamento do proxecto ascende a 666.731,99 euros, dos que o 75% se financian mediante fondos FEDER e o 25% restante mediante achegas dos socios participantes. Os traballos do Inega teñen un orzamento de 153.335,07 euros e céntranse principalmente na localización, identificación e catalogación dos vertidos das augas, na selección do emprazamento máis axeitado para situar unha planta piloto e no deseño e implementación dunha instalación a escala piloto para o cultivo de microalgas e para a obtención de biocombustibles.

A iniciativa, que se incardina no programa de cooperación territorial do Espazo Sudoeste Europeo (SUDOE) Interreg IV B, tratará de axudar á rexeneración e recuperación ambiental cunha xestión integrada dos recursos naturais e ademais potenciará estas áreas achegándolles un valor engadido de servir á xeración de enerxía renovable.

Nunha primeira etapa, que xa se está a desenvolver, un equipo de investigadores localizará ao longo da xeografía galega e do norte de Portugal aquelas augas degradadas ricas en nutrientes onde se poidan realizar procesos de limpeza e recuperación medioambiental. Para isto teranse en conta entre outros datos: a presenza de contaminantes nas augas, radiación solar anual, temperaturas máximas e mínimas da zona e existencia próxima de instalacións de combustión que permitan aproveitar o CO2 para incrementar o crecemento das microalgas ao mesmo tempo que se reducen as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Proxecto piloto

Unha vez localizadas as augas máis axeitadas procederase a elixir aquelas cepas de microalgas con maiores posibilidades de desenvolvemento nelas. A partir de aí realizarase un seguimento dos cultivos por parte das universidades de Aveiro, Vigo e Almería onde xa contan cunha ampla experiencia neste tipo de cultivos.

Cos resultados obtidos da análise periódica, na que se medirán a composición, número de células, biomasa, lípidos e calidade das augas, os expertos disporán a finais de 2012 das variables suficientes para idear unha experiencia piloto coa que se tratará de demostrar a viabilidade técnica, económica e ambiental do proxecto, e que se desenvolverá en dous dos espazos do territorio que presenten maior potencial, segundo os estudos previos realizados, un en Galicia e outro en Aveiro.

Tras a xornada inicial de presentación do vindeiro martes, 10 de maio, está previsto desenvolver xuntanzas periódicas do proxecto EnerBioAlgae nas sedes de cada un dos socios.