INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA IMPULSA A EFICIENCIA NAS EDIFICACIÓNS CUN PROGRAMA FORMATIVO SOBRE NORMATIVA ENERXÉTICA EDIFICATORIA PARA INCREMENTAR OS CRITERIOS DE SOSTIBILIDADE E DE AFORRO NO SECTOR

03/06/2011

- Eliseo Diéguez concretou hoxe na clausura dun curso promovido por CEXEGA que o Inega está a levar adiante convenios específicos de colaboración con entidades e asociacións que interveñen no proceso a fin de lograr o máximo aforro na edificación.

- O desenvolvemento de cursos sobre certificación enerxética de edificios e o terceiro plan de inspeccións de eficiencia enerxética das instalacións térmicas en edificios son outras actuacións que o Instituto adscrito a Economía e Industria está a impulsar para reducir o consumo e diminuír os custos finais nas edificacións.
 

CEXEGA_clausura_cursoSantiago, 3 de xuño de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito a Economía e Industria, está a impulsar novas accións formativas para promover un consumo máis eficiente no sector da edificación, caracterizado por ter unha demanda enerxética alta, de entre un 35 ou un 40% de media en Europa. Así o sinalou hoxe o director do Inega, Eliseo Diéguez García, na clausura dun curso sobre técnicas de eficiencia e xestión enerxética en edificios, organizado pola Asociación Clúster da Eficiencia e a Xestión Enerxética Galega (CEXEGA).

Diéguez, que asistiu ao acto en representación da Xunta de Galicia, trasladou os cumprimentos ao alumnado e ao profesorado que participou nesta actividade, así como a CEXEGA, e avogou pola necesidade de incidir na concienciación colectiva para incrementar, entre todos, a introdución de pautas de aforro nos fogares.

O director do Instituto, adscrito a Economía e Industria, concretou que neste exercicio o Inega, ademais de levar adiante un total de cinco cursos sobre modelización e prácticas experimentais para a certificación enerxética de edificios en diferentes cidades galegas, tamén estableceu convenios específicos de colaboración con entidades e asociacións que interveñen directamente neste proceso de inspección da eficiencia enerxética na edificación co fin de lograr a máxima repercusión na introdución de medidas de aforro no sector.

Concretamente, o Inega asinou convenios con CEXEGA, co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), con Fegafón (Federación Galega de Asociacións de Fontanería, Calefacción e Afíns); co CGETI (Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais); coa Fundación Sotavento Galicia e co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

Ademais, o Instituto está iniciando os traballos correspondentes ao terceiro plan de inspeccións de eficiencia enerxética de instalacións térmicas nos edificios existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o que se supervisarán durante o ano 2011 instalacións fixas de climatización e de produción de auga quente sanitaria. Cos dous primeiros plans o Inega inspeccionou preto de 1.300 inmobles. O obxectivo final destes plans é o de estudar o comportamento enerxético das vivendas e o de propoñer medidas de optimización enerxética cuxa aplicación resulte viable.

O Inega tamén ten habilitadas, no marco do programa global de axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética, diversas liñas de subvención encamiñadas a conseguir unha redución da demanda da enerxía nas vivendas, mediante melloras da súa envolvente térmica ou para a realización de auditorías enerxéticas nos edificios a través da construción de novos edificios con alta cualificación enerxética.