INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A PRIMEIRA EDICIÓN DO PLAN RENOVE DE FIESTRAS EXECUTOUSE POR COMPLETO NA SÚA PRIMEIRA SEMANA DE FUNCIONAMENTO.

05/02/2009

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2009.

Na súa primeira semana, o primeiro Plan Renove de Fiestras posto en marcha pola Consellaría de Innovación e Industria esgotou os fondos logo da elevada demanda de axudas rexistrada. Hoxe pechouse a convocatoria con 359 beneficiarios, 224 na provincia da Coruña, 69 en Lugo, 59 en Pontevedra e 7 en Ourense. Os instaladores poden seguir adheríndose ao plan, do que a Consellaría de Innovación e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) prepara unha segunda edición, que se habilitará este mesmo ano con maior dotación orzamentaria.

O departamento dirixido polo nacionalista Fernando Blanco abriu este primeiro Plan Renove de Fiestras como proxecto piloto, cunha dotación inicial de 500.000 euros. O Plan está destinado á rehabilitación da envolvente térmica das edificacións, é dicir, subvenciona a rehabilitación dos ocos acristalados das fachadas, tanto os marcos como os seus acristalamentos, coa fin de mellor a eficiencia enerxética do edificio. Deste xeito, subvenciónanse as novas fiestras ou portas-fiestras que separen estanzas calefactadas do exterior e cumpran requisitos como dispoñer de marcado CE, ter dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior; ser de carpintería de madeira, PVC ou metálica con rotura de ponte térmica de cando menos 4 mm. e que se substitúa unha fiestra de igual tamaño. O aforro en calefacción estimado para unha vivenda rolda o 30% do seu consumo anual.

As axudas son de 100 euros por metro cadrado de fiestra, non podendo superar o 25% do custo total da obra nin os 6.000 euros por vivenda unifamiliar. O Plan contemplaba subvencionar as renovacións de fiestras dende o 1 de febreiro de 2009 até o 30 de xullo ou o remate dos fondos, o cal se produciu hoxe mesmo. Pódense adherir ao programa todos aqueles instaladores ou empresas de venda de fiestras que o desexen, mediante o protocolo de adhesión dispoñible na web do Inega (www.inega.es).