INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

PLAN GALEGO DE TRANSICIÓN A UNHA MOBILIDADE EFICIENTE ANO 2020

Prazo solicitude de adhesión de entidades colaboradoras:  desde as 9:00 h do 3 de febreiro de 2020 ao 30 de setembro de 2020 (artigo 4.4).

Inicio prazo de solicitude axudas: 9:00 h de 21 de febreiro de 2020 (artigo 4.5)
Finalización  prazo de solicitude: 30 de setembro de 2020 ou ata esgotar fondos.

Consultar a listaxe de entidades colaboradoras adheridas


A continuación, descríbense brevemente as características principais desta liña de axudas en réxime de concorrencia non competitiva, aínda que a información que se considerará oficial para tódolos efectos será a publicada na Resolución de 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva relativas ao Plan de Transición a unha mobilidade eficiente, así coma a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión e se procede á convocatoria para a anualidade 2020 (Códigos IN421T e IN421U). (DOG de 31 de xaneiro de 2020).

Conceptos obxecto da subvención

Será obxecto de subvención a adquisición de vehículos novos turismos (M1) ou furgonetas (N1) que cumpran as características enerxéticas indicadas a continuación e teñan un custo inferior ou igual a 40.000 € (impostos incluídos).

a) Turismos (M1) cun valor de emisións NEDC, segundo ciclo WLTP, iguais ou inferiores a 120 g CO2/km. Establécense dúas categorías que recibirán diferente intensidade de axuda:
Tipo 1: Con emisións iguais ou inferiores a 100 g CO2/km
Tipo 2: Con emisións iguais ou inferiores a 120 g CO2/km

b) Furgonetas (N1) cun valor de emisións NEDC, segundo o ciclo WLTP, inferiores ou iguais a 120 g CO2/km no caso de vehículos con MTMA < 2.500 kg, ou cunhas emisións inferiores ou iguais a 185 g CO2/km no caso de vehículos con MTMA ≥ 2.500 kg
Para verificar o cumprimento destes requisitos enerxéticos terase en conta a información dispoñible na Base de Datos de Vehículos da páxina web do IDAE, e, no caso de non estar dispoñible dita información ou ser contraditoria, a documentación acreditativa do fabricante. Pode consultar a base de datos de vehículos no link:
http://coches.idae.es/base-datos/marca-y-modelo

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nas bases, os suxeitos que se enumeran a continuación:

a) As persoas físicas con residencia habitual no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

TIPO DE BENEFICIARIO ORZAMENTO (€)
PERSOAS FÍSICAS 600.000
AUTÓNOMOS OU EMPRESAS 100.000

 

Para acceder á subvención, será requisito imprescindible que o adquirente titular do vehículo obxecto da subvención acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico, mediante a presentación do correspondente certificado acreditativo da baixa definitiva do vehículo. O vehículo a achatarrar deberá ser, indistintamente, de categoría M1 ou N1, estar matriculado en España e ter unha antigüidade, contada dende a data da súa primeira matriculación e ata o día no que se fai a solicitude da axuda, de, polo menos, dez anos, no caso de vehículos M1, ou de cinco anos, no caso de vehículos N1. Adicionalmente, o vehículo a desmantelar deberá estar ao día no pagamento do Imposto sobre vehículos de tracción mecánica e o adquirinte titular do vehículo susceptible da axuda, o cónxuxe ou un familiar de primeiro grao (por consanguinidade ou afinidade) deberá ostentar a titularidade do vehículo a achatarrar, como mínimo, dende o día anterior á publicación da presente convocatoria.

Período de actuacións obxecto da subvención

Serán obxecto de subvención as actuacións iniciadas unha vez efectuada a solicitude de axuda e finalizadas na data límite de 30 de setembro de 2020. Polo tanto, a totalidade das facturas e os xustificantes de pagamento teñen que ter data posterior a entrada en vigor da convocatoria, e anterior ao 30 de setembro.

Contía da axuda

Na seguinte táboa resúmese a axuda do Plan en función do tipo de vehículo

TIPO DE VEHÍCULO AXUDA INEGA DESCONTO CONCESIONARIO (antes de impostos) TOTAL
Tipo 1: Turismo M1, cunhas emisións iguais ou inferiores a 100 g CO2/km 1.500 € 1.000 € 2.500 €
Tipo 2: Turismo M1, cunhas emisións de 100 ata 120 g CO2/km 1.000 € 1.000 € 2.000 €
Tipo 3: Furgonetas (N1) cunhas emisións iguais ou inferiores a 120 g CO2/km no caso de vehículos con MTMA < 2.500 kg ou cunhas emisións inferiores o iguais a 185 g CO2/km no caso de vehículos con MTMA ≥ 2.500 kg 1.000 € 1.000 € 2.000 €

 

O aforro por vehículo do Plan de Transición a unha mobilidade eficiente corresponderá en parte á axuda pública e outra a un desconto antes de impostos asumido polo fabricante/importador ou punto de venda. O pagamento da axuda realizarase directamente ao concesionario, polo que, o beneficiario final xa non terá que desembolsala previamente.

Unha persoa física solo poderá adquirir un único vehículo M1 ou N1.

Un autónomo ou empresa so poderá adquirir un máximo de dez vehículos.

Solicitude de adhesión de entidades colaboradoras

O prazo de solicitude de adhesión de entidades colaboradoras é dende o 3 de febreiro ata o 30 de setembro de 2020 (artigo 4.4)

Poderán ser entidades colaboradoras os concesionarios ou puntos de venda cuxo epígrafe da sección primeira das tarifas do Imposto sobre Actividades Económicas, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1175/1990, de 28 de setembro, sexa 615.1 (comercio por xunto de vehículos, motocicletas, bicicletas e os seus accesorios) ou 654.1 (comercio polo miúdo de vehículos terrestres). As entidades colaboradoras teñen que ter o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Proceso de solicitude de adhesión das entidades colaboradoras

a.- A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignaráselle un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.

b.- A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible dende a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (Anexo II) e o Convenio de colaboración (Anexo III).


Unha vez xerada a solicitude normalizada deberá presentala  por vía electrónica.

Se a documentación presentada está completa, formalizarase a adhesión da entidade colaboradora. No caso de detectarse algunha deficiencia, procederase ao envío dun requirimento de emenda, suspendéndose a formalización da adhesión da entidade colaboradora ata que complete a totalidade da documentación.

Prazo para a presentación da solicitude de axuda

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día 21 de febreiro de 2020 as 9:00 h e finaliza o 30 de setembro de 2020.
 

A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, asignando os fondos por orde de entrada no rexistro.

Procedemento presentación de solicitudes de axuda

Só poderán presentar solicitudes as entidades colaboradoras adheridas. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible dende a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal.

Para poder presentar a solicitude deberase achegar, conxuntamente coa mesma, copia dixitalizada da seguinte documentación:
-   Autorización para a representación, anexo V.
-   Oferta do vehículo que se pretende adquirir.
-   Captura da Base de datos de Vehículos da páxina web do IDAE.
-   Fotocopia da Ficha Técnica (tarxeta ITV) do vehículo a achatarrar.
-   Permiso de circulación do vehículo a achatarrar.
-   Xustificante de estar ao día no pagamento do Imposto sobre vehículos de tracción mecánica.

O solicitante ou representante legal deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor.

Unha vez presentada a solicitude e reservados os fondos, a axuda considerarase pre-concedida e poderase proceder á súa execución e, posteriormente, a presentar a solicitude de pagamento.

Documentación complementaria solicitude

- Declaración de outorgamento de representación (Anexo V)

- Autorización do titular do vehículo a achatarrar (Anexo VII).

Solicitude de pagamento

Unha vez feita a reserva de fondos e executada a actuación, poderá solicitar o pagamento da axuda cumprimentando e presentando a través da a aplicación informática  o Anexo VI de solicitude de pagamento acompañado da seguinte documentación:
a) Facturas.
b) Documentación xustificativa do pagamento.
c)  Ficha Técnica (tarxeta ITV) do vehículo adquirido.
d)  Permiso de Circulación do vehículo adquirido ou Permiso de Circulación Provisional emitido pola Dirección Xeral de Tráfico.
e) Certificado acreditativo da baixa definitiva do vehículo a achatarrar.

Requirimentos de Emenda

Segundo o artigo 17 da convocatoria, calquera notificación realizarase a través de medios electrónicos mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia- Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), no apartado Notificacións electrónicas.
 

Este sistema remitirá as persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións a súa conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Todos os trámites administrativos (presentación da solicitude, presentación da documentación requirida…) que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Acceso á aplicación informática

Acceso á aplicación de cumprimentación e presentación de solicitudes de adhesión.

Máis información

Para información PRESENCIAL aos interesados deberase concertar cita previa no teléfono: 981 541 500.