Unha das labores que se está a desenvolver, e que seguirá ao longo dos próximos anos, é a promoción e pulo da cultura do aforro da enerxía a través de diferentes medidas de caracter xeral co fin de romper coa actual tendencia crecente da intensidade enerxética que a nosa Comunidade está presentando.
A adopción de políticas de aforro e eficiencia enerxética abarcan a todos os sectores da sociedade, xa que todos son consumidores de enerxía. Neste senso, estanse a desenvolver diferentes accións destinadas tanto a empresas coma a particulares e organismos públicos.
Campañas informativas e divulgativas para o fomento do aforro e a eficiencia enerxética
Campañas formativas de uso racional da enerxía
Dentro do apartado de formación, desde o Inega ou en colaboración con outras institucións, continuarase co desenvolvemento de cursos para o fomento do uso racional da enerxía en todos os sectores. Entre estes cursos, pódense mencionar algúns que se veñen realizando ata o de agora: curso de condución eficiente, para particulares e para flotas de transporte, cursos de xestor enerxético adicados á formación de novos profesionais do sector, cursos de xestor enerxético municipal para inculcar o espírito de aforro enerxético nos concellos, cursos sobre o Código Técnico da Edificación, cursos a vendedores de electrodomésticos sobre etiquetado enerxético, campaña de promoción e formación de técnicas de uso eficiente da enerxía na agricultura, e cursos de enerxía en xeral no que se trata de incidir de xeito especial no aforro e eficiencia enerxética. Ademais da organización destes cursos, colabórase con diferentes organismos e centros de formación neste tipo de actividades, impartindo conferencias, participando en charlas, debates, etc.
Asesoramento a diferentes institucións públicas e privadas sobre o uso racional da enerxía
Desta colaboración nacen proxectos coma o Gener adicado á promoción do aforro a través de auditorías enerxéticas en varios sectores produtivos sitos nas provincias de Pontevedra e Ourense, e no norte de Portugal, ou o proxecto EnerinTown que trata de formar aos técnicos dos concellos galegos na xestión enerxética, ESOL que promove o uso da biomasa e GE2'C que fomenta o uso da coxeración entre outros.
Axudas públicas a proxectos encamiñados ao uso racional da enerxía
Unha das barreiras máis importantes de cara á consecución dos obxectivos de aforro enerxético supón o investimento que nalgúns sectores é necesario realizar. Deste xeito, moitos proxectos que supoñen un importante aforro enerxético non acadan os ratios de rendibilidade para que se leven a cabo. Por tanto, tanto desde o Inega subvencionaranse aqueles proxectos que fomenten o uso racional da enerxía en todos os sectores, mediante Resolucións que se convocan anualmente.