O consumo enerxético deste sector aumentou durante os últimos anos, como consecuencia dunha maior demanda de servizos sociais, do aumento da actividade económica, do turismo e das actividades empresariais que se agrupan baixo a categoría de oficinas.
Este subsector, no que se inclúen a administración e os concellos, é o que presenta maior consumo, seguido do hostaleiro e do comercio.
O sector servizos é o que presenta maior crecemento porcentual de consumo durante os últimos anos como consecuencia do aumento do número de instalacións. Ademais, é neste sector no que se prevé alcanzar os maiores crecementos do consumo, como consecuencia da maior demanda social de servizos (tratamento de auga, recollida de residuos, sanidade, hostalaría, iluminación pública,...) e ao aumento da súa participación na economía.
Na gráfica de evolución do consumo de enerxía final apreciase a diferenza entre un escenario base, sen aplicar medidas de aforro e un escenario de eficiencia no que si se aplican.
Estudos sectoriais.
Ao igual que no sector industrial, hai no sector terciario unha serie de subsectores que pola súa importancia ou entidade merecen un estudo específico.
En todos eles realizaranse estudos sectoriais, que permitirán obter as rateos máis significativas do uso da enerxía para posibilitar a súa comparación con instalacións ou usos similares, así como para facilitar o seguimento da evolución das mesmas e para reducir a demanda enerxética do subsector.
A partir das prediagnoses e das auditorías enerxéticas cuantificaranse os custes e determinaranse as medidas de racionalización e aforro aplicables, sempre baixo o punto de vista dun maior e mellor uso da enerxía sen diminuír a calidade de servizo e o confort das instalacións.
Desenvolvemento de experiencias piloto.
Fomentarase a realización de experiencias “tipo piloto” que permitan analizar a viabilidade técnico-económica de novos equipos e tecnoloxías que contribúan a reducir os consumos enerxéticos. Neste sentido, analizarase a posibilidade de construír na Comunidade Autónoma de Galicia algunha rede urbana de distribución de calor (district heating) e a instalación en edificios públicos de microcoxeracións baseadas en motores/turbinas de gas e pilas de combustible.
Os resultados destas experiencias serán difundidos en distintos medios para que o sector poida coñecer o desenvolvemento tecnolóxico deses equipos.
Campañas informativas.
Seguirán desenvolvéndose campañas informativas que fomenten a arquitectura bioclimática (aforro potencial a través do deseño e da orientación dos edificios) e o aforro enerxético, especialmente en iluminación e equipos de consumo. Promoverase unha maior utilización da luz natural e o uso dos equipos e sistemas de regulación máis eficientes para o que se continuarán elaborando e repartindo manuais de boas prácticas.
Redución da demanda enerxética das edificacións existentes
As reformas dos edificios existentes son unha boa oportunidade para tomar medidas eficaces co fin de reducir o seu consumo de enerxía. Neste sentido, desde o Inega vaise fomentar a mellora da envolvente térmica (cerramentos do edificio que separan os recintos habitables do ambiente exterior e as particións interiores que separan os recintos habitables dos non habitables) e a mellora da eficiencia enerxética das instalacións térmicas e das instalacións de iluminación dos edificios existentes, mediante subvención dunha parte dos investimentos necesarios para acometelas.
Fomento da microcoxeración e da trixeración
Neste sector hai instalacións que presentan demandas simultáneas de electricidade e climatización, nas que é aplicable o desenvolvemento de proxectos de coxeración e/ou trixeración, que permiten un grande aforro de enerxía primaria.
O Inega, dentro das liñas de actuación do Plan de Acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro 2004-2012 (E4), subvenciona a realización de estudos de viabilidade técnica e económica para a implantación de centrais de coxeración.