INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
inicio  Información

CONSELLOS PRÁCTICOS PARA AFORRAR NA FACTURA ELÉCTRICA

O 1 de xuño entra en vigor o novo modelo da factura eléctrica. O cambio consiste basicamente nunha reestruturación tarifaria que vai supoñer unha discriminación horaria de 3 períodos de enerxía: punta, chan e val (con prezos diferentes) e 2 períodos de potencia para potencias inferiores a 15 kW.

A QUEN AFECTA?

A todos os consumidores acollidos ao Prezo Voluntario ao Pequeno Consumidor (PVPC). Aos consumidores que están no mercado libre teñen que ver as novas condicións que lles aplica a súa compañía eléctrica en cada caso.

MERCADO LIBRE OU MERCADO REGULADO?

É importante saber se estamos no mercado regulado ou no libre.

  • Mercado regulado: funciona con regras establecidas polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Só poden optar a el os consumidores con potencia contratada ata 10 kW. Os prezos son regulados, o PVPC (prezo voluntario ao pequeno consumidor).
  • Mercado libre: as condicións do contrato páctanse de forma individual entre o consumidor e a empresa comercializadora de electricidade. O prezo está liberalizado.
     

Só se estás no mercado regulado poderás ter acceso ao Bono Social.

COMO PODO SABER SI ESTOU NO MERCADO REGULADO OU NO LIBRE?

 Debo comprobar que a empresa que emite as facturas de electricidade é unha comercializadora regulada e para elo fixarse na factura, onde pon tipo de contrato debe indicar PVPC.

COMO SE DESAGREGA A NOVA FACTURA?

Aproximadamente o 55% do recibo corresponde aos cargos (32,6%) e os peaxes (22%). O 24,1% corresponde ao custo da enerxía e o 21,3% aos impostos.

QUE SON AS PEAXES E OS CARGOS?

Son o compoñente regulado da tarifa. As peaxes son os custos das redes de transporte e de distribución, mentres os cargos están asociados ao fomento das renovables, os custos extrapeninsulares e as anualidades para pagar o déficit de tarifa.

COMO SE APLICA A TARIFA?

O cambio será automático para os clientes con tarifa regulada (PVPC). Os consumidores que están no mercado libre deberán estudar as ofertas coa compañía eléctrica coa que teñan contrato.

QUE TEN QUE FACER O CONSUMIDOR?

O consumidor doméstico non terá que elixir peaxe nin cargo, pero terá que ir adaptando as súas potencias contratadas e as súas pautas de consumo. Por defecto, a súa potencia en cada período é a que ten contratada actualmente, pero vai poder modificar dúas veces as potencias no ano e a ter información das súas potencias máximas por períodos horarios na súa factura.

COMO SE FAI O CAMBIO?

No caso dos consumidores acollidos ao PVPC, as comercializadoras de referencia aplicarán as novas peaxes e cargos por períodos horarios. Para o mercado libre, o comercializador deberá adaptar o prezo do contrato para trasladar a variación do compoñente regulado da factura, pero pode decidir a forma en que llo traslada. O comercializador deberá comunicar os novos prezos de forma clara e transparente coa suficiente antelación.

QUE PASA SE SE TEN O BONO SOCIAL?

No suposto de que o consumidor estea no PVPC con dereito ao bono social, a potencia non será superior a 10 kW en ningún dos períodos horarios.

1.    COMO PODO AFORRAR?

1.1.    AXUSTANDO A POTENCIA CONTRATADA

Moitas veces temos máis potencia contratada da que realmente precisamos, o que supón un maior custo na nosa factura eléctrica.

O usuario poderá  contratar dúas potencias distintas, unha para horario punta e chan, e outra para horario val, e beneficiarse do aforro que supón eliminar potencias excesivas que non necesita en horas determinadas. Pero se non o solicita explicitamente, se lle seguirá aplicando en punta/chan e en val a mesma potencia que ten contratada na actualidade. Salientar que o prezo  pola potencia contratada en período val é un 95% inferior ao do prezo en punta e chan.
 
Na seguinte táboa pódese ver a potencia recomendada conforme ao equipamento da vivenda e o custo anual de dita potencia en períodos punta/chan e val e o custo que supón coa nova tarifa, sen ter en conta os custos de comercialización.

TÁBOA DE POTENCIA RECOMENDADA CONFORME AO EQUIPAMENTO DA VIVENDA 

EQUIPAMENTO DA
VIVENDA
POTENCIA
(kW)
PUNTA E CHAN
(€/ano)
VAL
(€/ano)
Baixo 2,30 89,5 4,16
Medio
3,45 134,2 6,24
4,60 179,0 8,33
5,75 223,7 10,41
Alto
6,90 268,4 12,50
8,05 313,2 14,6
9,20 358,0 16,6

 

  • Equipamento baixo: vivenda con iluminación, electrodomésticos básicos (neveira, lavalouza e lavadora).
  • Equipamento medio: inclúe os compoñentes dunha vivenda con equipamento baixo + cociña de inducción e ACS eléctrica.
  • Equipamento alto: vivenda cos compoñentes do equipamento medio + calefacción eléctrica.

 

Da análise da táboa anterior, pode apreciarse que cada kW de potencia que se incremente no contrato nas horas punta e chan ten un custo de 38,90 €/ano, mentres que en horas val é de 1,81 €/ano.  Polo tanto, é importante, sempre que o consumo o permita, reducir potencia en períodos punta e chan e incrementalo nas horas val.

Unha boa oportunidade para aforrar na factura é evitar o consumo simultáneo, é dicir, non acender varios aparatos á vez, o que permitirá axustar a potencia contratada. Pódese instalar un xestor de potencia ou racionalizador que desconecte consumos que non son prioritarios nos momentos nos que o noso fogar acade unha demanda de potencia superior á contratada, evitando cortes da subministración por disparo do Interruptor de Central de Potencia (ICP) ou contador dixital de telexestión.

Para facilitar a adaptación, permítense dous cambios de potencia gratuítos ata o 31 de maio de 2022. Débense solicitar a través do comercializador.  Ademais, se recomenda descargar a curva de carga da instalación (a través da web do distribuidor) e analizar cal é a demanda nos períodos punta e val.

1.2.    DESPRAZANDO O CONSUMO DE HORAS PUNTA A HORAS CHAN E VAL

Os consumidores pagarán un prezo diferente en función do horario de consumo. A discriminación horaria regularase cos tres seguintes tramos, que marcarán as horas con prezos da electricidade máis caras e baratas de consumo:

  • De luns a venres:
  • 0 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23

 (verde, tarifa val; amarelo, tarifa chan; vermello, tarifa punta)

  • Sábados, domingos e festivos nacionais:
  • 0 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23

(verde, tarifa val)

  • O período punta, irá de 10 a 14 h e de 18 a 22 h e será o máis caro.
  • O período chan, cunha tarifa media, terá tres tramos: de 8 a 10 h, de 14 a 18 h e de 22 a 24 h.
  • O período val para as horas nocturnas, de 0 a 8 h da mañá. Ademais os fins de semana e festivos nacionais todas as horas serán val.


O consumidor deberá modificar hábitos e pautas que lle permitan desprazar consumos fóra das horas punta. O prezo do termo de enerxía no período chan é un 69% inferior e no val un 95% inferior ao prezo en período punta.


Polo tanto, se se quere aforrar hai que consumir fundamentalmente nas horas e días nos que a electricidade é máis económica: de luns a venres de 00:00 horas a 8:00 horas e os fins de semana.

1.3.    APOSTANDO POLA EFICIENCIA ENERXÉTICA

A eficiencia enerxética no fogar consiste na redución do consumo de enerxía sen diminuír a nosa calidade de vida e protexendo o medio natural. É dicir, que trata de manter o noso ritmo de vida e de produción diminuíndo o consumo de enerxía e consecuentemente o seu gasto, contribuíndo á mellora da renda dos fogares.


A continuación danse unha serie de recomendacións para reducir o consumo enerxético das vivendas:

  • Substitúa as lámpadas halóxenas incandescentes por lámpadas LEDs, consumen 7 veces menos e duran 20 veces máis.
  • Substitúa electrodomésticos obsoletos por outros de clase A, B ou C. Ademais, os novos equipos son menos ruidosos e permiten programar o seu funcionamento, desprazando o consumo a horas de custo da enerxía máis baixo.
  • Evite deixar os aparatos electrónicos en stand by: Equipos como a televisión, equipos de música, reprodutores de DVD,etc., seguen consumindo aínda que estean apagados. Apagalos co interruptor en lugar de co mando supón aforros medios do 3%.
  • Regule a temperatura da neveira, pode supor importantes aforros. Cada grao que baixe da temperatura aumenta o consumo ata un 5%.
  • A lavadora emprega o 90% do consumo de enerxía en quecer a auga e o 10% en mover o tambor. Cómpre utilizar programas de lavado en frío centrifugados a altas revolucións (1.500 rpm) mellor que utilizar a secadora.
  • O lavalouzas emprega o 90% do consumo de enerxía en quecer a auga. Cómpre utilizalo a plena carga e con programas económicos.
  • Empregue os fornos microondas para quentar pequenas porcións de alimentos. Estes consomen ata un 70% menos de enerxía que as fontes eléctricas tradicionais.
  • O ferro de pasar é un dos electrodomésticos que máis consomen. Procure empregalo coa maior cantidade posible de roupa cada vez. 
  • Na calefacción deben manterse temperaturas de termostato axeitadas (20ºC durante o día e 17ºC nas horas nocturnas). Ter en conta que cada grao que se sobe no termóstato supón un incremento de consumo enerxético aproximado do 8%.
  • A domótica permite controlar o fogar dunha forma sinxela a través das novas tecnoloxías, dispoñendo de moitos datos (temperatura, humidade,...) que facilitan a programación de equipos, reducindo o custo enerxético e mellorando o confort dos fogares.
  • Utilice a luz solar, evite puntos de luz acendidos innecesariamente.

1.4.    APOSTANDO POLO AUTOCONSUMO

Outra forma de reducir o consumo na nosa factura eléctrica é facendo investimentos en instalacións de autoconsumo eléctrico con tecnoloxía fotovoltaica.

Para unha vivenda tipo en Galicia, unha instalación de 3 kWp (ocupando unha superficie aproximada duns 20 m2) e cun recurso de 1.100 horas/ano xeraría da orde duns 3.300 kWh/ano, cun aforro duns 250-300 €/ano.

Cunha instalación destas características, poderíamos desprazar o consumo eléctrico da vivenda ás horas con maior recurso solar.