25/08/2008
O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, acompañado polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Calvo, e polo director do Inega, Juan Álvarez, presentou esta mañá o Plan, que este ano renova os obxectivos de reducir o consumo de enerxía eléctrica no sector doméstico por medio da substitución de electrodomésticos antigos por equipos enerxeticamente máis eficientes. Todos os galegos e galegas que fagan este cambio de electrodomésticos poden obter axudas do plan, que entra en vigor o 15 de setembro e remata co esgotamento dos fondos.
04/08/2008
O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén participando dende o ano 2006, ata a actualidade, no proxecto europeo EnerinTown. Este proxecto, no que tamén están presentes diferentes organizacións de España, Italia, Irlanda, Portugal, Francia, Lituania, Alemaña e Grecia, ten por obxecto o deseño e posta en marcha dun sistema de monitorización dos consumos enerxéticos das instalacións municipais a través da internet.
Entre outras liñas de traballo, o proxecto aborda a necesidade de establecer un maior control sobre o consumo enerxético municipal nos edificios propiedade dos concellos. Para isto, partiuse da proposta dunha solución que permita eliminar dúas das barreiras existentes: a falta de coñecemento detallado sobre as cifras de consumo e a falta de persoal cualificado, coa intención de propoñer accións de mellora no aforro de enerxía.