INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

A CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA, A TRAVÉS DO INEGA, MOBILIZARÁ UN INVESTIMENTO ASOCIADO DE 26 MILLÓNS DE EUROS CO PROGRAMA DE AXUDAS PARA O FOMENTO DE ENERXÍAS RENOVABLES

03/11/2009

Santiago, 3 de novembro de 2009.

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de poñer en marcha un completo programa de axudas para o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables neste ano 2009 cun orzamento total de 5.686.744 euros, un 6% máis que na pasada convocatoria, e que mobilizarán un investimento total asociado de preto de 26 millóns de euros. As subvencións, que abranguen todos os sectores, teñen un destinatario universal, é dicir, calquera persoa ou entidade se pode acoller a elas. O prazo de solicitude está aberto ata o próximo 30 de novembro.

Baixo esta iniciativa, que foi presentada hoxe polo titular do departamento autonómico, Javier Guerra, e polo director do Instituto, Eliseo Diéguez, subvencionaranse os proxectos que teñan como base a utilización das distintas tipoloxías de enerxías renovables: solar térmica, caldeiras de biomasa, fotovoltaica conectada á rede, fotovoltaica illada e outras renovables, así como proxectos de gasificación e biogás.

Javier Guerra fixo fincapé nas avantaxes das enerxías renovables e destacou "a reducida emisión de gases contaminantes á atmosfera; a súa gratuidade e inesgotabilidade, así como a contribución ao desenvolvemento da economía local, ao desenvolvemento tecnolóxico e á creación de emprego". Neste senso sostivo que "o aproveitamento deste tipo de enerxías ten un papel prioritario no Plan Enerxético 2010-2015 que estamos a elaborar desde a Consellería de Economía e Industria e co que pretendemos aumentar nun 60% a xeración eléctrica e nun 16% a térmica destas fontes, de xeito que esteamos en condicións no ano 2015 de poder producir máis do 95% de electricidade con fontes renovables. Unha das liñas de actuación para acadar estes obxectivos é a posta en marcha deste programa de axudas para o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables".

Así mesmo o responsable do departamento de Economía e Industria indicou que estas axudas permitirán a xeración anual aproximada de 26.000 MWh en aplicacións térmicas e de 17.000 MWh de enerxía eléctrica e así mesmo posibilitarán a redución da emisión de 12.069 toneladas anuais de CO2 á atmosfera".

O conselleiro de Economía e Industria incidiu que esta é a primeira convocatoria na que se poden presentar as axudas vía telemática (www.inega.es) e tamén na redución nun terzo dos prazos de tramitación (límite máximo de 4 meses) e resolución das axudas (prazo máximo de 6 meses).

Liñas de axudas a enerxías renovables

O director do Inega, Eliseo Diéguez explicou en detalle as distintas liñas de axudas a proxectos de enerxías renovables. Deste xeito concretou que á promoción da solar térmica o Inega destinará 2.201.744 euros (38,7% do orzamento global). A contía máxima da subvención é do 35% do investimento chegando ata o 45% para instalacións municipais, cun límite máximo de axuda de 450 euros/kW para instalacións con paneis planos e de 300 euros/m2 para instalacións con tubos de baleiro. Así mesmo o director do Instituto subliñou que a axuda máxima por proxecto é de 60.000 euros e aclarou que non poden ser obxecto de axudas as instalacións de solar térmica que xa están obrigadas polo Código Técnico da Edificación. Estas subvencións están orientadas ao desenvolvemento de proxectos que permitan aplicacións para quentamento de auga quente sanitaria, combinación de auga quente sanitaria e calefacción, climatización de piscinas, refrixeración solar, etc.

A biomasa recibirá este ano unha inxección económica do Inega de 1,5 millóns de euros (26,4% do orzamento), precisou Diéguez. Neste apartado primarase a instalación de caldeiras de biomasa con alimentación automática, deixando contías de axuda inferior para estufas e cociñas calefactoras. A contía máxima da subvención é do 30% do investimento, ampliable ata o 45% no caso de que o solicitante sexa un concello, e o máximo por proxecto, 30.000 euros.

Así mesmo o director do Inega sinalou que a fotovoltaica conectada á rede contará cun orzamento de 600.000 euros (10,5%). A potencia máxima da instalación é de 20 kW e só se subvencionarán instalacións integradas arquitectonicamente. A contía máxima da axuda é de 900 euros por kwp e por proxecto, 6.000 euros.

Para a promoción da fotovoltaica illada á rede e doutras renovables como a minieólica, microturbinas ou instalacións mixtas, o Inega ten reservada unha partida orzamentaria de 160.000 euros (2,8% do orzamento total en 2009), resaltou Eliseo Diéguez. A potencia máxima da instalación deberá ser de 2,5 kwp para fotovoltaica illada e de 10 kwp para as outras tipoloxías de enerxías renovables e a contía máxima da subvención, o 40%, e por proxecto, 12.000 euros.

Diéguez precisou que o orzamento para proxectos de biogás e gasificación de potencia máxima de 500 kW (produción de enerxía eléctrica e/ou térmica mediante procesos de gasificación de biomasa ou aproveitamento de biogás) destínanse 1.225.000 euros (21,5%). As axudas ascenderán a un máximo do 15% do investimento elixible fixado en 3.500 euros/kW para aplicacións eléctricas e en 1.100 euros/kW en aplicacións térmicas, sendo a axuda máxima por proxecto de 262.600 euros.

Dos 5.686.744 euros con que conta este programa de axudas para fomento das enerxías renovables, 5.248.168 son fondos propios do Inega e os 438.576 euros restantes son cofinanciados a través dun convenio que o Inega ten co IDAE nesta materia.

Xornadas informativas

Por último, o director do Inega informou que este xoves, 4 de novembro, terá lugar na sede da EGAP (por razóns de aforo) a primeira xornada informativa sobre o programa de axudas do Instituto para proxectos de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética, nas que participarán preto de 200 persoas, procedentes de distintos ámbitos: administración, particulares, profesionais e técnicos dos distintos sectores, etc.

Así mesmo precisou que o xoves, 18 de novembro se celebrará a segunda destas xuntanzas, e lembrou que a inscrición segue aberta e é gratuíta. O obxectivo destes encontros é explicar aos asistentes as distintas tipoloxías de axudas e familiarizalos co proceso de solicitude, isto é, facerlles máis doado a realización dos trámites.