INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

O PLAN RENOVE DE ELECTRODOMÉSTICOS 2009 POSIBILITOU UN AFORRO DE 1,7 MILLÓNS DE EUROS NA FACTURA DA LUZ A 44 MIL FAMILIAS

07/11/2009

Santiago, 4 de novembro de 2009.

"Os 4 millóns de euros do Plan Renove de Electrodomésticos 2009 esgotáronse nun tempo récord, en tan só 29 días, o que confirma o éxito desta actuación de aforro e eficiencia enerxética nos fogares galegos, promovida polo Instituto Enerxético de Galicia, mediante a substitución de electrodomésticos antigos por equipamentos máis eficientes (clase A ou superior) e coa que conseguiremos xerar un aforro de 1,7 millóns de euros en consumo de electricidade para as aproximadamente 44 mil familias beneficiadas". Son afirmacións realizadas hoxe polo director do Inega, Eliseo Diéguez, organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, tras confirmarse a finalización dos fondos destinados ao devandito Plan que vai permitir a cada fogar beneficiado un aforro anual de 40 euros na factura da luz.

Diéguez fixo fincapé en que "este ano rematouse o orzamento antes que nunca, posto que en 2008 se remataran os fondos a 1 mes e 12 días de abrilos e en 2007 en 59 días". "Ante esta excelente acollida que tivo entre o conxunto da cidadanía o Plan Renove de Electrodomésticos xa desde as súa posta en marcha, xa que na primeira semana de funcionamento xa se conseguira a venda de 8.500 equipos eficientes enerxeticamente, e ante a elevada demanda de solicitudes rexistrada, desde o Inega imos estudar proximamente a posibilidade de poder ampliar o orzamento, en función da dispoñibilidade de fondos", sostivo.

Superación de expectativas

A través del Plan Renove de Electrodomésticos 2009 alcanzouse a cifra de 44.180 vendas de electrodomésticos eficientes enerxeticamente, superando as previsións que eran de en torno a 43.500. Dos máis de corenta e catro mil aparatos substituídos mediante esta campaña, 17.689 corresponden á provincia da Coruña; 6.930 á de Lugo; 5.838 á de Ourense e 13.723 á de Pontevedra. Por tipoloxías de aparatos, o balance é o seguinte: 12.762 frigoríficos e frigoríficos-conxeladores; 5.217 conxeladores; 17.167 lavadoras; 2.531 lavavaixelas; 3.770 fornos e 2.733 placas.

Así mesmo Eliseo Diéguez indicou que "o Instituto Enerxético de Galicia cumpriu coas expectativas de superar os novecentos establecementos adheridos á campaña, posto que foron un total de 954, dos que 894 foron validados, isto é, puideron realizar vendas a través do Plan Renove, polo que queremos agradecer, unha vez máis, a colaboración que mostraron os comerciantes e tenderlle a nosa man para o desenvolvemento de futuras actuacións".

Dobre aforro

O director do Inega subliñou que "o enorme calado que o Plan Renove de Electrodomésticos tivo entre a poboación é explicable polo dobre aforro que xera, xa que por un lado ten repercusión directa sobre a economía familiar ao permitir aforrar unha cantidade de diñeiro que pode chegar ata os 125 euros a través da substitución dun equipamento por outro novo máis eficiente desde o punto de vista enerxético e ao mesmo tempo permite diminuír o consumo eléctrico nun 8%".

Aforro de enerxía

Ademais de promover a redución do consumo eléctrico o Plan Renove de Electrodomésticos encádrase na aposta da Consellería de Economía e Industria por fomentar un axeitado aproveitamento dos recursos autóctonos conxugado co respecto escrupuloso ao medio ambiente. O aforro de enerxía primaria estimado con esta campaña acada os 25.085 MWh, o que supón evitar a emisión de 4.033 toneladas de CO2 a atmosfera. Esta campaña pretendeu ser tamén un estímulo para os emprendedores dedicados á venda de electrodomésticos como frigoríficos, conxeladores, lavalouzas, lavadoras ou encimeiras.

Interese internacional

O Plan Renove de Electrodomésticos 2009 foi foco de interese internacional, posto que unha multinacional xaponesa solicitou ao Inega información sobre esta iniciativa co fin de analizar posibles aproveitamentos.

Estratexia de aforro e eficiencia enerxética

Por último, cómpre destacar que o Plan Renove Electrodomésticos 2009 se inscribe dentro das actividades de aforro e eficiencia enerxética da estratexia en marcha para este ano en curso, que conta cun orzamento total de máis de 21 euros. Dentro destas iniciativas cómpre destacar o Plan de Vehículos Eficientes, o Plan Renove Equipos de Climatización, a posta en marcha dunha experiencia piloto para o desenvolvemento de polígonos empresariais enerxeticamente eficientes ou o Plan Renove de Fiestras. Coa xestión do conxunto de actividades inscritas na estratexia para 2009, prevese a xeración dun aforro de enerxía primaria de 538.000 toneladas equivalentes de petróleo, o que supón evitar a emisión á atmosfera de preto de 1.300.000 toneladas de CO2