04/11/2009
Santiago, 4 de novembro de 2009.
Preto de duascentas persoas de diferentes sectores (concellos, particulares, profesionais e técnicos de diferentes sectores, etc.) participaron esta mañá en Santiago na primeira das xornadas informativas organizadas polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para explicar o programa de axudas 2009, tanto ás destinadas a promover o aforro e a eficiencia enerxética, como ao fomento das enerxías renovables.
A segunda xuntanza está previsto que se desenvolva o vindeiro 18 de novembro. A inscrición, totalmente gratuíta, está aberta e pódese realizar a través da web do Instituto, www.inega.es., cumprimentando o correspondente boletín de inscrición. Para calquera dúbida ou aclaración os interesados poden enviar un correo electrónico ao enderezo inscricions@inega.es.
O director do Inega, Eliseo Diéguez, que inaugurou o foro, indicou que "estamos satisfeitos coa participación acadada neste primeiro encontro, porque esta elevada demanda proba o interese que están a ter as axudas do Instituto que mobilizan no seu conxunto un investimento asociado de 61,8 millóns de euros, e que propiciou que a xornada se tivese que desenvolver, por cuestión de aforo, na EGAP e non no Inega, como tiñamos previsto inicialmente".
Así mesmo precisou que "con estes encontros informativos queremos lograr a máxima participación e do maior número de ámbitos posibles no programa de axudas do Inega, posto que estamos a falar de subvencións que abranguen todos os sectores económicos galegos, incluído o sector servizos, ao que dedicamos unha especial atención mediante a inclusión de medidas específicas para os concellos, precisamente para prestarlles o noso apoio nestes tempos de conxuntura económica difícil, e ás que destinamos unha contía importante, algo máis de 4 millóns de euros", destacou.
Garantir a presenza dos concellos
"Polo tanto é moi importante que tomen parte nestas xuntanzas informativas ademais de particulares, de profesionais e técnicos dos diferentes sectores tamén os concellos, porque teñen diante de si unha ocasión aproveitable para poder levar á práctica proxectos, a un custo baixo, que lle permitirán aumentar o aforro enerxético e aliviar a súa factura eléctrica", incidiu Diéguez. "Estoume a referir ás liñas de axudas de renovación da iluminación exterior, onde desde o Instituto Enerxético de Galicia subvencionamos o 70% do custe, e ás auditorías enerxéticas sobre iluminación, nas que o investimento que teñen que facer os concellos ascende unicamente ao 25%, correndo por conta do Inega o restante", destacou.
Fomento das enerxías renovables
Por outra parte, Diéguez resaltou a importancia que teñen as enerxías renovables e as numerosas avantaxes que presentan (inesgotabilidade, fonte de xeración de emprego, redución de residuos contaminantes, etc.) para animar aos asistentes a desenvolver proxectos que teñan como base a utilización deste tipo de fontes, ás que o Inega destina este ano a súa promoción cerca de 6 millóns de euros. Ademais concretou que no caso de que os solicitantes sexan concellos a axuda pode chegar ata o 45% do investimento no caso de proxectos de biomasa e de solar térmica.
Durante a encontros os asistentes asistiron á explicación de como realizar a tramitación telemática das axudas, xa que este ano é a primeira vez que se poden solicitar vía Internet. Ademais nesta convocatoria redúcense nun terzo os prazos de tramitación e resolución, co que as subvencións deberán estar tramitadas nun prazo máximo de 4 meses e resoltas en 6.
Así mesmo os participantes nas xornadas recibiron explicación detallada dos distintos tipos de axudas e das contías económicas que cobren cada subvención, de cara a familiarizalos coa preparación das solicitudes. Mediante o desenvolvemento deste programa de axudas de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables o Inega conseguirá unha redución da emisión de 60.500 toneladas anuais de CO2 á atmosfera.