28/11/2009
Santiago, 28 de novembro de 2009.
O vindeiro martes, 1 de decembro, ábrese o prazo para solicitar as axudas correspondentes ao Plan Renove de Fiestras do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria. É esta unha medida, enmarcada no plan de actuación de aforro e eficiencia enerxética do Instituto que dirixe Eliseo Diéguez mediante a que se incentiva a rehabilitación de ocos acristalados das fachadas, co fin de mellorar a eficiencia enerxética das vivendas e dos edificios. A contía das subvencións chega ata un máximo do 25% do custo total da obra, cun límite de 100 euros por metro cadrado. O Plan Renove de Fiestras está dotado cun orzamento inicial de 1,2 millóns de euros e suporá un investimento asociado total de preto de 5 millóns.
Serán obxecto de subvención a través deste programa do Inega a substitución de novas fiestras que separen estanzas calefactadas do exterior, sempre por outras de igual tamaño, e cando cumpran os requisitos de dispoñer de marcado CE; de ser de carpintería de madeira ou PVC con dobre acristalamento e cámara mínima de 12 mm. ou de 6 mm. baixo emisivo; de ser de carpintería metálica con rotura de ponte térmica de cando menos 12 mm. ou superior cun acristalamento de 6 mm. de cámara e baixo emisivo.
O Plan subvencionará a renovación de fiestras desde o 1 de decembro ata o 30 de outubro de 2010 ou ata o remate de fondos, xa que estes poderán ser ampliados en función da demanda e da dispoñibilidade de remanentes doutras actuacións. Na anterior convocatoria chegouse a máis de 3 millóns de euros de demanda sobre uns fondos iniciais de 500.000 euros.
Substitución de fiestras en 1.000 vivendas
Con esta campaña o Inega continuará apoiando o aforro enerxético nos fogares galegos cunha previsión de substitución de fiestras en 1.000 vivendas, coas que se conseguirá un aforro de enerxía primaria estimado en 1.356 MWh, o que supón evitar a emisión de 274 toneladas de CO2 á atmosfera.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada, propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios de vivendas, edificios de vivendas ou edificios destinados a outros usos. Todos aqueles instaladores ou empresas de fiestras poderanse adherir desde o 9 de novembro ata o 30 de novembro, no caso de renovacións, ou ben ata finalización de campaña, no caso de tratarse de altas novas. En total espérase que participen máis de 500 instaladores. Ata o día de hoxe un total de 288 comercios se sumaron a esta campaña do Inega, dos que 232 corresponden a renovacións e os restantes 56 a altas novas.
Proceso de obtención da axuda
O comprador dirixirase a un instalador adherido ao Plan Renove de Fiestras 2009 e terá que adquirir a carpintería obxecto da subvención. A continuación o instalador realizará a solicitude de fondos mediante a aplicación web www.inega.es/planrenovefiestras2009, imprimirá o impreso da axuda e o comprador asinará a súa conformidade. O instalador disporá de 60 días para realizar a obra e despois cobrará o importe da factura co desconto da axuda establecida, calculada na aplicación informática. Finalmente o instalador remitirá toda a documentación ao Inega para o cobro da axuda.