23/09/2009
Santiago, 23 de setembro de 2009.
A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ven de habilitar un orzamento inicial de 4 millóns de euros para poñer en marcha o Plan Renove Electrodomésticos 2009, co que se estima que 43.500 familias galegas aforren ata un global de 1,7 millóns de euros na factura eléctrica.
Esta liña de axudas, presentada hoxe polo director do Inega, Eliseo Diéguez, subvencionará a substitución de electrodomésticos por equipamentos máis eficientes enerxeticamente. Con esta campaña, a Consellería de Economía e Industria está a cumprir co seu obxectivo de fomentar o aforro enerxético nos fogares galegos.
O departamento que dirixe Javier Guerra apoia deste xeito a recuperación das economías das familias galegas, que teñen que soportar as consecuencias da actual conxuntura económica, a agravadas despois das recentes modificacións no regulamento enerxético nacional que trouxeron consigo un notable incremento no prezo da factura eléctrica.
Con esta iniciativa, o Inega estima que o conxunto das familias galegas beneficiadas polo plan (43.500) acadará un aforro anual global de 1,7 millóns no seu gasto enerxético, xa que o consumo de electricidade por fogar diminuirá un 8% (230 kWh/ano), que se traduce nunha baixada de 40 euros por familia na factura da luz ao utilizar equipos de clase A ou superior .
Asemade, o Plan Renove Electrodomésticos adáptase á aposta da Consellería de Economía e Industria por fomentar un axeitado aproveitamento dos nosos recursos conxugado co respecto escrupuloso ao medio ambiente. O aforro de enerxía primaria estimado con esta campaña acada os 25.085 MWh, o que supón evitar a emisión de 4.033 toneladas de CO2 á atmósfera.
As subvencións á compra destes electrodomésticos serán de ata o 25% do prezo do aparato e abranguen dende os 50 euros para encimeras de gas ata os 125 euros para conxeladores con clasificación enerxética A++.
Esta campaña pretende ser tamén un estímulo para os emprendedores adicados á venda de electrodomésticos como frigoríficos, conxeladores, lavalouzas, lavadoras ou encimeras. En total, calcúlase que a adhesión á campaña supere os 900 comercios e traia consigo a substitución e venda de 43.500 electrodomésticos.
Por outra banda, cómpre destacar que o Plan Renove Electrodomésticos 2009 inscríbese dentro das actividades de aforro e eficiencia enerxética da estratexia en marcha para este ano en curso, que contan cun orzamento total de 21.386.065 euros. As actuacións incluídas no plan abranguen todos os sectores económicos: industrial, transporte, edificación, doméstico, servizos públicos e transformación da enerxía.
Coa xestión destas actividades inscritas na estratexia para 2009, prevese a xeración dun aforro de enerxía primaria de 538.000 toneladas equivalentes de petróleo, o que supón evitar a emisión á atmósfera de preto de 1.300.000 toneladas de CO2. Dentro destas iniciativas cómpre destacar o Plan de Vehículos Eficientes, o Plan Renove Equipos de Climatización, os proxectos de parques empresariais eficientes ou o Plan Renove de Fiestras.