08/11/2010
Santiago, 8 de novembro de 2010.
Un total de 1.840.775 euros será o orzamento inicial que a Consellería de Economía e Industria destine, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ao Plan Renove de Fiestras 2010, o que supón un incremento dun 17% con respecto ao orzamento do exercicio anterior, e que permitirá xerar un investimento asociado de aproximadamente 7,6 millóns de euros. Así o anunciou esta mañá o director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez García, en comparecencia de prensa para presentar unha nova edición desta actuación de promoción do aforro e da eficiencia enerxética destinada a acadar melloras significativas na demanda enerxética das vivendas e dos edificios.
Diéguez García, explicou que "a través desta medida, integrada na aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética en todos os sectores económicos, o Instituto adscrito a Economía e Industria incentiva a rehabilitación dos ocos acristalados das fachadas, co fin de mellorar a eficiencia enerxética nas vivendas e nos edificios do sector terciario".
O director do Inega destacou que "con esta nova campaña desde o Instituto Enerxético de Galicia queremos seguir apoiando o aforro enerxético nos fogares galegos cunha previsión de substitución de fiestras en 1.367 vivendas, coa que conseguiremos un aforro de enerxía primaria estimado en 4.382 MWh, o que supón evitar a emisión de 1.726 toneladas de CO2 á atmosfera".
Contía da axuda
A contía da axuda ascenderá a un máximo de 100 euros por metro cadrado, cuns límites de 5.000 euros por vivenda unifamiliar e de 100.000 euros en edificios do sector terciario. En calquera caso a cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25% do custo total da obra. No caso de que o beneficiario obtivese en anteriores edicións subvencións relativas ao cambio de fiestras para unha mesma vivenda, o límite máximo de todas as axudas en conxunto será de 10.000 euros por vivenda unifamiliar, e de 300.000 euros en edificios do sector terciario, agás axudas outorgadas a empresas cuxo límite será de 200.000 euros.
O prazo de adhesión dos instaladores á campaña comezará o 9 de novembro de 2010 e rematará o 25 de novembro para as renovacións, e para as altas novas manterase aberto ata final da campaña. A solicitude de axudas abrirase desde o 16 de decembro de 2010 e poderase realizar ata a o 29 de outubro de 2011 ou ata a data de finalización anticipada do Plan por remate de fondos.
Actuacións subvencionables
Deste xeito subvenciónase a substitución de novas fiestras que separen estanzas calefactadas do exterior, sempre por outras de igual ou inferior tamaño, e cando cumpran os requisitos de dispoñer de marcado CE e as esixencias mínimas de eficiencia enerxética. Así serán subvencionables a ventás de carpintería de madeira ou PVC e acristalamento que cumpra algún dos seguintes requisitos: dobre acristalamento con cámara de 12 mm ou superior; dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior e con cristal exterior baixo emisivo (con emisivade menor ou igual 0,1). No caso de que a fiestra sexa de carpintería metálica deberá ter unha rotura de ponte térmica de 12 mm ou superior con dobre acristalamento de cámara de 6 mm ou superior e con cristal exterior baixo emisivo (con emisividade menor ou igual a 0,1).
O conxunto das fiestras que poderán ser obxecto de subvención deberán dispor dunha persiana, contra ou cortinón completamente opaco, capaz de pechar toda a superficie da fiestra -non se admitirán persianas venecianas, cortinas translúcidas, etc-. Este elemento poderá ser novo ou reutilizado da instalación anterior. En todo caso, se é novo o seu importe incluirase no investimento total do custo da obra. Será igualmente subvencionable a colocación dunha nova fiestra paralela á existente (dobre fiestra), sempre e cando esta nova fiestra satisfaga os requisitos enerxéticos.
As únicas portas subvencionables son as portas balconeiras, é dicir, as que dan a un balcón ou terraza pechados (non a patios nin a xardíns), sempre e cando separen estancias calefactadas do exterior. O IVE (Imposto sobre o Valor Engadido) non será subvencionable no caso de que o beneficiario sexa unha empresa, de acordo coas bases das axudas.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas do Instituto adscrito ao departamento que dirixe Javier Guerra, as persoas físicas ou xurídicas, de dereito público ou privado, propietarios de vivendas ou edificios do sector terciario sempre que a actuación subvencionable se realice en edificacións da súa titularidade sitos na comunidade autónoma de Galicia. Se se trata de persoas xurídicas de dereito público ou privado deberán ter o domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia. No caso de que unha comunidade de veciños se poña de acordo para renovar as fiestras do edificio, a axuda solicitarase individualmente por vivenda. Para poder ser beneficiario da axuda deberase tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas ao Plan.
Estratexia global de aforro
Coa xestión das actuacións do Plan Renove de Fiestras 2010 de Economía e Industria incardinadas na estratexia de aforro e eficiencia enerxética para o exercicio en curso, que conta cun orzamento total superior aos 21 millóns de euros, prevese a xeración dun aforro enerxético de preto de 16.000 MWh e unha redución na emisión á atmosfera de case 2.500 toneladas de CO2.