INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

ECONOMÍA E INDUSTRIA FOMENTA UN NOVO ESTUDO PARA O DESENVOLVEMENTO DO VEHÍCULO HÍBRIDO ENCHUFABLE EN GALICIA

19/07/2011

- A Consellería de Economía e Industria e a marca automobilística Toyota España S.L.U., colaboran para facer entrega ao Instituto Enerxético de Galicia dun coche híbrido enchufable, durante tres meses co obxecto de coñecer en profundidade os beneficios que conleva este tipo de condución máis sostible e eficiente

- Mediante este período de proba, o Inega comprométese ao uso do vehículo Prius co fin de probar a tecnoloxía e acumular experiencia en todo o que se refire ás condicións necesarias para a súa introdución progresiva no parque móbil

- A Consellería de Economía e Industria vén potenciando as compras de vehículos eléctricos ou híbridos a través do Plan de Vehículos Eficientes, integrado no Plan re-Móvete de apoio integral á automoción galega

- Galicia é pioneira no deseño dun marco regulatorio estable e das infraestruturas, de cara a avanzar na planificación da estratexia a seguir para que o vehículo eléctrico sexa unha realidade inmediata, sostible e eficiente

 firma_convenio_Inega_Toyota

Santiago, 19 de xullo de 2011.- A Consellería de Economía e Industria e a marca automobilística Toyota España S.L.U., colaborarán no fomento do uso do vehículo híbrido enchufable. As bases para esta cooperación iniciáronse hoxe coa entrega en nome do representante de Toyota, Kastsuhito Ohno, dun vehículo Prius híbrido enchufable, ao Instituto Enerxético de Galicia (Inega), para o uso por parte do Instituto durante un período de 90 días, que abranguerá ata o próximo día 14 de outubro, co obxecto de que poida coñecer en profundidade as peculiaridades deste automóbil.

Este vehículo Prius Híbrido Enchufable (PHEV) caracterízase por emitir menos emisións de CO2 e porque pode contribuír a curto ou medio prazo ao fomento da eficiencia enerxética e ao respecto do medio ambiente. Deste xeito que está chamado a ser unha das tecnoloxías claves para a gradual electrificación dos vehículos futuros e contribuirá, polo tanto, a facer máis sostible o transporte.

Mediante este período de proba, o Inega comprométese ao uso do vehículo Prius co fin de probar a tecnoloxía e acumular experiencia en todo o que se refire ás condicións necesarias para a súa introdución progresiva no parque móbil, como poden ser as necesidades de infraestrutura de recarga ou o aforro enerxético obtido, entre outros.

A Consellería que dirixe Javier Guerra, a través do Instituto, compartirá os datos, con periodicidade mensual, con Toyota España. Ademais, tanto o Inega como Toyota comprométense a divulgar e comunicar as experiencias e os resultados obtidos das probas durante o período de cesión.

O Inega colaborará con Toyota España en definir o proceso máis adecuado para rexistrar e medir as recargas eléctricas e o seu posible custo, para completar a información rexistrada polo ordenador de a bordo do vehículo. Ambas as partes definirán os datos a rexistrar polo condutor usuario, como poden ser: lugar de recarga, tipo de poste de recarga, dificultade atopada con respecto ao enchufe do punto de recarga, tempo de inicio e fin da recarga, etc.

Dispositivos de recollida e lectura de datos
O vehículo estará equipado con tres dispositivos de recollida e lectura de datos. O primeiro é un dispositivo de GPS, mediante o que un usuario condutor do vehículo acepta que os seus percorridos sexan rexistrados para poder así avaliar o comportamento do vehículo con respecto aos traxectos realizados.

Mediante un dispositivo PDA o usuario condutor terá que cubrir, en cada traxecto realizado, os quilómetros de autonomía en modo EV (Electric Vehicle), que marca a pantalla informativa do cadro de mandos do vehículo, tanto ao inicio como ao fin do traxecto, así como responder ás preguntas cerradas e abertas reflectidas no formulario da PDA.

Por último, tamén será posible unha recollida puntual de datos do dispositivo de rexistro de consumo eléctrico na PDA ou unha carga mediante USB. Ao final do período de uso por cada condutor, pediráselle o cumprimento dun cuestionario máis aberto e cualitativo sobre as súas impresións e opinións, en canto á condución do vehículo, a tecnoloxía do mesmo e á recarga eléctrica da batería.

A Xunta aposta por un novo modelo electromobilidade
A Consellería de Economía e Industria vén potenciando, a través do Plan de Vehículos Eficientes, integrado no Plan de apoio integral á automoción galega re-Móvete, e tamén coas transformacións de medios de transporte a GLP, as compra de vehículos eléctricos ou híbridos. O Inega subvencionou a compra, con axudas de ata 7.000 euros, máis de 800 vehículos eléctricos ou híbridos a través deste programa. Con este Plan, o Inega propiciou, no actual exercicio, un investimento asociado de 3,4 millóns de euros.

Nesta aposta global por situar a Galicia á vangarda do fomento do vehículo eléctrico, o conselleiro de Economía e Industria preside a Mesa da Electromobilidade de Galicia, para o deseño da folla de ruta dun novo modelo de mobilidade eléctrica na Comunidade Autónoma.

Ademais, a Xunta de Galicia é pioneira no deseño dun marco regulatorio de cara a avanzar na planificación da estratexia a seguir, para que o vehículo eléctrico sexa unha realidade inmediata, sostible e eficiente; así como na planificación dunha rede de estruturas que distribuirá por Galicia máis de 400 puntos de recarga nos ámbitos urbanos, interurbanos, a través das gasolineiras, ao que cómpre engadir o proxecto para o establecemento de estacións multifuncionais de mobilidade demostrativas, que se instalarán nas sete grandes cidades de Galicia, que funcionarán tamén como punto de información e contarán cun orzamento de 2 millóns de euros.