25/07/2011
- A nova páxina facilita o acceso do usuario á información da Consellería de Economía e Industria sobre o fomento da eficiencia, o aforro enerxético e as enerxías renovables
- Incorpora un novo sistema de control das subvencións e aos plans renove, que permite ao Inega xestionalos de forma máis eficiente e ofrecer unha información concreta e detallada ao usuario
- A elevada demanda de consultas recibidas na nova web avala as reformas e melloras introducidas
Santiago, 25 de xullo de 2011.- A nova páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), renovada pola Consellería de Economía e Industria (www.inega.es) rexistrou 29.668 visitas en menos de dous meses de funcionamento, o que supón unha media de 530 consultas diarias. A nova fai mais accesibles os contidos relacionados co fomento da eficiencia e do aforro enerxético, e mais das enerxías renovables, e incorpora un novo sistema de control ás subvencións e aos plans renove, que permite ao Inega xestionalos de forma máis eficiente e ofrecer unha información máis concreta e detallada ao usuario
Entre os novos elementos que incorpora a web está o acceso rápido e sinxelo ás subvencións e aos plans renove, facilitando aos usuarios a información máis útil sobre ás axudas que están dispoñibles en cada momento.
A nova web dispón tamén dun sistema de enquisas co que o Inega poderá pulsar a opinión dos cidadáns en cuestións relacionadas coa súa actividade e un sistema de lectura de noticias mediante voz que axuda a que os usuarios podan acceder á información.
A elevada demanda de consultas recibidas na nova web avala as reformas e melloras introducidas. O seu novo deseño, está centrado na usabilidade e o acceso á información. Ademáis, xunto á nova imaxe creouse unha nova organización de contidos, que facilita o acceso aos mesmos por parte dos visitantes.
A duración media das visitas situase entre os sete e os sete minutos e medio (duración en tempo). Os contidos máis visitados da páxina web do Inega foron o Plan Renove de Equipos de Climatización 2010, o Plan Renove de Fiestras 2010 e a Plataforma proxecto GE2C´s, xunto co apartado das subvencións. Ademáis, un total de 315 páxinas enlazan coa web do Inega
A optimización da accesibilidade da nova web do Inega é outra das innovacións que presenta esta nova páxina. De feito, a web alcanza a cualificación AA. Este novo sistema de navegación permite mellorar o manexo e a lectura ás persoas con minusvalías ou limitacións sensoriais, motoras ou cognitivas, dando así o Inega un paso máis dentro da responsabilidade corporativa cara ao cidadán.