INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

ECONOMÍA E INDUSTRIA PRESENTA EN OURENSE O PROXECTO EUROPEO GE2'C PARA PROMOVER A EFICIENCIA ENERXÉTICA E A COXERACIÓN NO SECTOR SERVIZOS

29/11/2011

- A iniciativa impulsa a adopción de medidas concretas, exemplarizantes e transferibles en Ourense, Pontevedra e Norte de Portugal.

- A coxeración permite obter aforros de enerxía primaria superiores ao 30% respecto á xeración convencional de enerxía eléctrica e térmica de xeito separado.

Ourense, 29 de novembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), presenta mañá en Ourense o proxecto europeo GE2C´S, que ten por obxectivo promover a eficiencia enerxética e as instalacións de coxeración no sector servizos de Ourense, Pontevedra e Norte de Portugal.

A xornada de presentación de mañá, que terá lugar na sede da Confederación Empresarial de Ourense, servirá para dar a coñecer os avances dunha iniciativa que persegue mellorar a eficiencia enerxética a través da aplicación de medidas concretas, exemplarizantes e transferibles, e que serve para fomentar a coxeración no sector.

Este sistema de transformación enerxética, que se basea na produción conxunta de enerxía eléctrica e de calor nunha mesma instalación, é un dos sistemas de transformación enerxética máis eficientes, xa que permite obter aforros de enerxía primaria superiores ao 30% respecto á xeración convencional de enerxía eléctrica e térmica de xeito separado.

No ano 2010, as instalacións de coxeración representaron o 5,63% da potencia eléctrica instalada en Galicia e xeraron o 8,8% da enerxía eléctrica producida. Non obstante, do máis dun cento de centrais deste tipo existentes en Galicia, só un 10% se sitúan no sector servizos, polo que un dos grandes obxectivos do proxecto é dar a coñecer en que situación é rendible no sector esta tecnoloxía.

O proxecto GE2C´S (Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos),  que se desenvolverá ata finais de 2012, encádrase dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013 e conta cun orzamento de 1.062.602,92 euros, dos cales un 75% fináncianse mediante fondos FEDER e o 25% mediante achegas dos socios participantes no proxecto: o Inega (que actúa como xefe de fila), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Confederación  de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), o Instituto de Engenharía Mecãnica e Gestão industrial (INEGI), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

 logos_GE2C