05/12/2011
- A actuación encádrase dentro do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética 2011-2013 que, como explicou o conselleiro de Economía e Industria, Guerra, inclúe “a realización de 19 proxectos” que xerarán unha inversión asociada, en medidas de aforro e eficiencia enerxética e fontes renovables, superior aos 25 millóns de euros.
- O presente acordo permitirá acadar un 20% de redución no consumo de enerxía primaria mediante a implantación de medidas que supoñan melloras nas instalacións térmicas, eléctricas y de auga quente sanitaria.
Pontevedra, 5 de decembro de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asinaron hoxe un convenio de colaboración para coordinar actuacións de aforro e eficiencia enerxética e de implantación de enerxías renovables na Cidade Infantil Príncipe Felipe de Pontevedra.
Esta actuación da Consellería, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), encádrase dentro do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética 2011-2013 nas administracións públicas galegas polo que o Goberno galego pretende acadar un aforro de ata o 40% no consumo de enerxía final.
Neste sentido, e tal e como explicou Javier Guerra, o plan permite “establecer unha estratexia de aforro dentro da Comunidade, fomentando a realización de actuacións de aforro e eficiencia enerxética en edificios públicos, e incentivando programas de actuación nestas materias”.
En total, proseguiu Guerra, “está prevista a realización de 19 proxectos” que contan cun investimento de 3,79 millóns, cifra que permitirá xerar unha inversión asociada, en medidas de aforro e eficiencia enerxética e fontes renovables, superior aos 25 millóns de euros.
Un 20% de aforro
O presente acordo contribuirá a desenvolver actuacións na Cidade Infantil Príncipe Felipe, co obxectivo de acadar o aforro e a eficiencia enerxética necesarias, potenciando e incorporando fontes menos contaminantes, e fomentando o aproveitamento dos recursos.
Desta forma, preténdese acadar un 20% de redución no consumo de enerxía primaria mediante a implantación de medidas que supoñan melloras nas instalacións térmicas, eléctricas e de auga quente sanitaria. Ademais, búscase adaptar á normativa vixente as instalacións actuais, que teñen máis de 20 anos de antigüidade.
As medidas levaranas a cabo empresas de servizos enerxéticos (ESE). “Desta forma –explicou Guerra- axudamos á dinamización do mercado deste tipo de empresas, que amortizan o seu investimento en función dos aforros que acadan a través da instalación de equipos máis eficientes, polo que non suporá ningún custo para a Deputación de Pontevedra”
Entre as posibles medidas que se poden desenvolver, destacan diferentes melloras en equipos de iluminación interior, na xestión e na eficiencia enerxética, na envolvente térmica dos edificios e nas instalacións térmicas.
Ademais, como recordou o conselleiro de Economía e Industria, analizaráse “a posibilidade de ampliar o sistema de enerxía solar existente, instalando un maior número de paneis solares para o aproveitamento desta enerxía renovable”.
A través do desenvolvemento deste convenio, a Xunta de Galicia mantén a súa aposta polo aforro e a eficiencia como obxectivos estratéxicos da súa política enerxética, que se centra en impulsar a redución do alto consumo enerxético coa utilización de recursos renovables, e favorecer o uso racional da enerxía, impulsando medidas de aforro e eficiencia enerxética.